Xunta e RAG propoñen cambiar 2.352 nomes de concellos, parroquias e lugares

Son as conclusións da actualización de traballos do Nomenclátor de 2003

Xunta e Real Academia Galega estiman cambiar a denominación de 14 concellos, 183 parroquias e 2335 lugares. Así o sinalou o conselleiro de Cultura, José López Campos, na presentación das conclusións da actualización do Nomenclator oficial de Galicia de 2003. No traballo partiuse da base de datos do Nomenclátor, cruzouse coa base de datos de toponimia do Instituto Nacional de Estatística e as novas achegas da sociedade. "Durante o proceso, analizáronse tanto cuestións lingüísticas, como é a ausencia do artigo no nome oficial, chegando a estudar 4.398 topónimos, como xeográfico-administrativas, referidas a problemas de localización ou categorización poboacional", explicou a Xunta. As novas propostas proveñen da "etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos e no uso oral e escrito que fai a veciñanza do topónimo". Os cambios afectarán aos concellos de A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz de Castro de Ouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza.