Falece subitamente o cómico Pedro Brandariz

O actor sentiuse mal durante unha actuación hoxe en Teo e o fatal desenlace deuse no momento

O actor sentiuse mal durante unha actuación hoxe en Teo e o fatal desenlace deuse no momento
Pedro Brandariz
O actor e contacontos Pedro Brandariz faleceu hoxe subitamente con 44 anos cando ía facer unha función no CEIP de Calo (Teo) do seu espectáculo 'Os poderes de Rosalía' para o alumnado. Os detalles desta inesperada morte aínda non se coñecen con máis exactitude, pero o actor de Oleiros estaba a levar a cabo neste mes unha intensa axenda de espectáculos por centros de ensino de toda Galicia e hoxe mesmo ía estrear unha nova montaxe na Coruña, 'O inventor das palabras', co guía e intérprete Suso Martínez.

Pedro Brandariz era, ante todo, un cómico, un actor de comedia que facía tanto espectáculos de monólogo para adultos coma para cativos, ou dúos con outros moitos comediantes, que aparecía en series de tv, programas como Luar ou calquera outro formato audiovisual que puidese aproveitar ben as súas innegables dotes para o humor. Pero tamén podía explotar as súa dotes interpretativas para o drama, como actualmente fixo con grande éxito coa película 'Jacinto', de Javi Camino coa que fixo un exitoso percorrido por festivais con el como protagonista desa historia a cabalo entre o humor e o terror. Xustamente polo seu papel na película 'Jacinto' era actualmente finalista do Premio Mestre Mateo ao Mellor actor protagonista. No ano 2018 xa recibiu o Premio Mestre Mateo do audiovisual galego á Mellor Webserie por 'Peter Brandon. Unha vida pola comedia', serie na que era protagonista interpretándose a si mesmo e cuxo título hoxe semella premonitorio. Antes diso outras dúas series dese mesmo formato nas que participou tamén levaron o galardón en 2017 e 2016. A súa morte deixa en estado de choque á comunidade da escena teatral e audiovisual do país, na que era moi querido.