O legado próximo de Pedro Brandariz

A webserie Sesión Vermú e o espectáculo Melancoholemia lembran o actor recentemente falecido

A webserie <i>Sesión Vermú</i> e o espectáculo <i>Melancoholemia</i> lembran o actor recentemente falecido
Fotograma de Sesión vermú con Pedro Brandariz.
A intensa actividade que despregaba o actor Pedro Brandariz continúa a deixar pegada mesmo logo do seu falecemento o pasado mes de febreiro. Deste xeito, a canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística ten publicados, desde o pasado catro de abril os cinco episodios da serie Sesión Vermú, protagonizada polo cómico e que ve a luz de xeito póstumo.

A proposta achega cinco pezas audiovisuais "con cadanseu monólogo cómico do malfadado e sempre lembrado humorista", segundo lembra o departamento da Xunta. A "cultura e a idiosincrasia dos galegos e das galegas e o seu carácter folieiro", protagonizan o proxecto a partir de diferentes tipos de celebracións populares a achegar "unha visión optimista, positiva e comprometida de Galicia, apta para todos os públicos". A iniciativa contou co apoio do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.



Melancoholemia
Alén do audiovisual, o legado de Brandariz continúa tamén sobre as táboas. Antón Reixa anunciou que continuará en solitario a xira do espectáculo Melancoholemia. Vida de mamarracho, que protagonizaba co falecido. Segundo explicou o polifacético creador vigués, antes do pasamento de Brandariz o dúo xa acordara que as funcións pendentes desta montaxe contasen unicamente con Reixa sobre o escenario. Unha voz robotizada daralle a réplica ao autor na obra, que convida a coñecer o interior dunha institución psiquiátrica. A coruñesa sala Garufa acolle este vinte de abril a primeira destas funcións, onde o vigués homenaxeará o seu compañeiro.

Mostra de Curtas Vila de Noia
Por outra banda, e a seguir as homenaxes que xa recibiu desde diferentes espazos dos ámbitos escénico e audiovisual, a organización da Mostra de Curtas Vila de Noia anunciou que tamén celebrará un acto en lembranza de Brandariz na edición que celebrará o vindeiro mes de outubro. Ademais, outorgarálle un premio póstumo en recoñecemento ao seu apoio á cita e poralle o seu nome ao galardón que o encontro lle entrega á mellor curta amadora.