A Panadaría Teatro presenta As que limpan

O Teatro Municipal de Tui acolle a estrea a nivel estatal este 18 de febreiro

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
A Panadaría Teatro presenta As que limpan

A nova produción de A Panadaría Teatro, As que limpan, chega aos escenarios neste mes de febreiro. O Teatro Municipal de Tui acolle o venres 18 a estrea estatal desta montaxe, coproducida co Centro Dramático Nacional. Co subtítulo A loita das camareiras de piso galegas, a montaxe, escrita, dirixida e interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, aborda a situación destas traballadoras e as súas reivindicacións.

Segundo explica a presentación da obra, "As que limpan fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes".

A compañía faise na produción preguntas como "É posible revalorizar este traballo e desligalo do xénero? Existe un turismo sustentable? Quen limpa a casa da limpadora?" e destaca que a obra "non só fala de traballadoras da limpeza, fala de mulleres e do chan mollado sobre o que camiñamos cada día".

A compañía ten datas fechadas para a xira de presentación en Vilagarcía (día 19), Redondela (20 de febreiro), Vigo (25 e 26), As Pontes (4 de marzo), Viveiro (5), Foz (17), Ames (18), Oleiros (19), Compostela (24 e 25), Gondomar (27), Monforte (19 de maio), A Coruña (20 e 21), Lugo (22), Mos (28) e Cedeira (4 de xuño). Ademais, prevén pases en castelán en Valencia e no Teatro María Guerrero de Madrid, onde achegarán un total de 23 funcións, dúas delas en galego.

Que che parece esta nova?
111 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, A Panadaría, Tui, Centro Dramático Nacional...