Chévere estrea este venres ICTUS en coprodución co CDN

O Auditorio de Galicia acolle esta montaxe sobre a construción da narrativa da memoria histórica

| Santiago. Redacción | Seccións: TeatroEstreas
Compartir:
Imaxe promocional de ICTUS Foto: Sabela Eiriz /Chévere

Imaxe promocional de ICTUS Foto: Sabela Eiriz /Chévere

A compañía Chévere estrea este venres, 20 de febreiro, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela a súa nova montaxe ICTUS. Esta peza coproducida xunto co Centro Dramático Nacional, mantén a liña de teatro documental na que a compañía leva anos traballando con gran éxito. Neste caso ICTUS indaga sobre a memoria, sobre a relación que existe entre boa memoria e boa democracia e sobre os traumas sen resolver coa nosa memoria histórica. 

Usando como fío condutor o cadro de Castelao titulado 'A derradeira leición do mestre', que o intelectual asina no exilio, cando está case cego, a obra propón unha viaxe inversa no tempo, acompañando o cadro desde o acto de recibimento que lle organiza o goberno galego cando chega por primeira vez a Galicia no 2018 para protagonizar unha exposición sobre a educación, ata o acto en memoria de Alexandre Bóveda no que se presenta en público por primeira vez no Centro Ourensán de Bos Aires (Arxentina) o 17 de agosto de 1945, noveno cabodano do fusilamento de Bóveda polos militares golpistas, declarado Día dos Mártires de Galicia pola colectividade galega desterrada. O resultado é unha viaxe escénica que nos invita a entender como se constrúen -e como se disputan- as narrativas da memoria.

Neste dispositivo documental sobre a escena estarán Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Borja Fernández, Gema Santos, Marcos Pereira defendendo un texto de Xesús Ron que cruza as voces de numerosas testemuñas, para dialogar coa historia persoal dunha muller que sofre alteracións da memoria por un dano cerebral adquirido, causado por un ictus que lle dá durante ese acto de recepción do cadro de Castelao. O proceso de investigación e documentación previo deste proxecto desenvolveuse durante algo máis dun ano desde o mes de xullo de 2024 ata o mes de outubro de 2025. Previamente a este estrea tive4ron lugar algúns encontros e charlas en varios espazos, o derradeiro esta pasada fin de semana no Auditorio de Galicia. 

A estrea o venres será as 20:00 horas, e tanto sábado coma domingo haberá tamén representación co mesmo horario. A xira da montaxe seguirá en Pontevedra e o Carballiño a fin de semana que ven, despois diso estará na Sala Ártika de Vigo durante dúas fins de semana completas e seguirá a súa exhibición por A Coruña, Cangas, Lugo Ourense, Ames e Narón. En todas as funcións que se fagan, esta obra integra en escena a lingua de signos (LSE) para persoas xordas signantes e conta con audiodescrición en directo desde o escenario integrada na narrativa, para persoas con discapacidade visual.

Que che parece esta nova?
187 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito