Héctor Cajaraville achega a figura de Florencio Delgado ao público máis novo

Asina Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade na coleccion Merlín de Xerais

Continúan as propostas editoriais arredor do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2022. Desta volta é Héctor Cajaraville o autor de Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, unha obra que achega a figura do valedorrés ao público máis novo. Publicada na colección Merlín de Edicións Xerais, a obra conta con ilustracións de Antía Antepazo para repasar a traxectoria vital e literaria do homenaxeado adaptada para lectoras e lectores a partir dos 11 anos.

Cajaraville engade ao traballo biográfico a creación literaria, ao engadir ao final de cada capítulo, un poema propio no que tenta emular o xeito de escribir de Delgado Gurriarán en cada unha das súas etapas artísticas. A obra inclúe ademais fotografías do autor e fragmentos da súa obra poética.