Pérez Jácome suprime a palabra Cultura do organigrama municipal ourensán

A área pasará a denominarse Concellería de Artes e Festexos

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
Compartir:

O Concello de Ourense cambiará o nome da Concellería de Cultura polo de Concellería de Artes e Festexos. Así o anunciou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen xestiona directamente esta área municipal. O rexedor considera que a denominación de 'Cultura' para esa área pode "confundir os cidadáns" ao utilizar o termo coma unha "sinécdoque", que, segundo o alcalde ourensán "obedece a unha táctica para ter un salvoconduto, un escudo de protección, que parece blindar ante críticas artísticas, e que dá renda solta a xustificar calquera dispendio de diñeiro público no entretemento", sinalou. Gonzalo Pérez Jácome leva desde o inicio do seu mandato enfrontado co sector cultural ourensán e mesmo recibindo críticas das asociacións galegas profesionais da escena teatral polas súa decisións en xestión cultural. O alcalde considera que "mentres os ianquis usan os termos de Show Business ou Entertainment Industry, aquí englobámolo no vocábulo sacro de Cultura. E claro, é máis fácil cuestionar gastos se lle chamamos Show ou entretemento, que se o tachamos coa palabra máxica e sacra, porque ao enarborar a 'bandeira cultural', resólvense debates como no medievo resolvíanse ao actuar en nome de Deus". Pérez Jácome presume de qter recuperado o Auditorio municipal "para os cidadáns", mentres que considera que "antes era propiedade dos diversas axentes "culturais" da cidade".

Que che parece esta nova?
67 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Deus, Asociacións, Concello de Ourense

Claves

Conceptos
Lugares