Novo comunicado do sector escénico contra as políticas culturais de Pérez Jácome

Trece entidades de artes escénicas e música opóñense a privatización do Auditorio Municipal de Ourense

Trece entidades de artes escénicas e música opóñense a privatización do Auditorio Municipal de Ourense
Auditorio Municipal de Ourense
O enfrontamento aberto entre o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o sector da cultura ten un novo episodio arredor do Auditorio Municipal e das descualificacións realizadas polo rexedor e o seu grupo político contra os programadores municipais. As mesmas 13 entidades dos sectores das artes escénicas e da música que fai pouco asinaban un comunicado esixindo a volta da programación cultural ao recinto ourensán veñen de reaccionar con outro comunicado á intención declarada polo alcalde o pasado 31 de marzo de levar a cabo un proceso de concesión da xestión e programación da infraestrutura municipal, poñendo en mans dunha empresa o uso das instalacións e a oferta cultural á cidadanía.

Na rolda de prensa na que fixo pública esa intención o alcalde declarou que o Auditorio tería unha explotación profesional, tanto técnica como artística, que podería dous rtipos de programación: a xurdida das necesidades municipais e as programacións do Concello e outra "realizando programacións por iniciativa propia, con eventos culturais do Show Business que deberán adaptarse aos gustos e aos tempos da cidadanía e non aos gustos dos programadores ou desexos dos provedores do sector". Abundando nesa idea Pérez Jácome declarou que dese xeito o público do Auditorio , "pasará a ser maioritario e variado, no canto de minoritario e repetido". Ademais diso, o grupo do alcalde, Democracia Orensana, presentou no pleno do Concello o pasado venres unha moción para promover un "cheque cultural" á cidadanía na que realizaba duras críticas e descualificacións ao propio sistema da cultura profesional e mesmo aos técnicos programadores. Neses mesmos termos descualificadores, acusando de "elitismo" e "gustos persoais" á programación cultural pasada, estivo expresándose o alcalde, tanto no pleno coma previamente ante a prensa. A moción foi rexeitada ao contar só cos votos a favor de DO e Ciudadanos, sendo minoría.

Renuncia aos deberes culturais
Estas trece entidades representativas do sector da cultural escénica e musical manifestan agora o seu rexeitamento á externalización do Auditorio Municipal, decisión na que lle piden que recúe, e tamén á propia actitude do rexedor no que ven "unha errática política cultural que parece afanarse en obviar os dereitos tanto da cidadanía coma do tecido produtivo cultural da terceira cidade galega". As entidades ven na decisión de privatizar o Auditorio "un paso máis no desleixo das funcións municipais" polo que , segundo eles, o Goberno local encabezado por Pérez Jácome pretende "desprenderse das responsabilidades de todo consistorio á hora de promover a cultura, de apoiar a cultura de base, de fomentar unha programación diversa, garantir o acceso á veciñanza a diferentes expresións artísticas ou dinamizar o tecido produtivo do sector". Levar a adiante a pretensión do alcalde tal e como a expuxo sería, para os asinantes deste comunicado "a renuncia expresa a todos estes deberes, facendo de Ourense a única cidade galega que ficará sen decisión directa sobre un espazo de exhibición para a cultura ao vivo".

Respecto ás declaracións do propio mandatario local sobre a cultura e ás xustificacións dadas para levar a cabo este proceso de privatización, que tamén estaban presentes no texto da moción rexeitada sobre o cheque cultural, as entidades sectoriais que asinan este comunicado afirman que "asisten con estupor" a todas elas e non dubidan en soster que os argumentos empregados por Pérez Jácome "xorden da imprudencia e manifesta un nesgo impropio para alguén que ostenta o seu cargo". Para os profesionais da música e das artes escénicas o feito de obviar a rendibilidade social da actividade cultural, así coma "o solapamento da cultura como ben público baixo o termo show bussiness ou o desprestixio do equipo de programación do Auditorio" levado a cabo polo alcalde, "parecen formar parte dunha estratexia para desviar a atención dunha errática xestión política e para desfacerse de deberes do Concello". As trece entidades esíxenlle ao Goberno local de Ourense que a política cultural municipal se exerza desde a máxima claridade e transparencia e vaia baseada na planificación e o consenso co sector cultural local. Por último, as entidades amosan o seu apoio tanto ao equipo técnico do Auditorio Municipal coma aos profesionais da programación que, lembran, "desenvolveron ao longo destes anos un traballo exemplar que, lonxe de atender a gustos particulares, responderon a criterios de calidade e de promoción da cultura".
Comunicado: 13 entidades dos sectores das artes escénicas e da música manifestan o seu rexeitamento á externalización do Auditorio Municipal de Ourense.