Un grupo de afeccionados ás embarcacións tradicionais realizará o vindeiro ano a primeira travesía do Atlántico en dorna

A América en Dorna

Estamos afeitos a velas nas nosas rías. Barcas pequenas, cunha popa plana á que normalmente se lle agregou un motor. Pero as dornas ofrecen moitas máis posibilidades. Desde a Asociación Dorna Meca do Grove queren demostrar o potencial destas embarcacións, e para isto están a preparar nada menos que unha travesía do Atlántico a bordo dunha destas barcas tradicionais.

No medio do Atlántico, unha embarcación de só nove metros de eslora e unha soa vela e construída enteiramente de madeira avanza teimuda con seis experimentados navegantes a bordo. Non contan con camas nin colchóns, e o único lugar cuberto do navío é un pequeno espacio a proa onde se acomodan por quendas para descansar. Os seus únicos víveres son primitivas conservas e os peixes que consigan roubar ao Océano e os e a súa única posibilidade de cociñar é unha pequena grella que funciona con carbón. Como única luz, pequenas lámpadas de aceite. Por se fose pouco tampouco contan con roupas de última xeración impermeabilizadas e transpirables. Nin sequera teñen un cronómetro que lles permita dilucidar con exactitude cal é a súa posición entre Europa e América. A pesar de que a escena podería estar datada en pleno século XVII, é un adianto do que será no outono do vindeiro ano a I Expedición Galicia-América en Dorna.

Dunha conversa ao mar
Todo xurdiu a finais do 2002 nunha conversa calquera entre varios socios da Asociación de Amigos da Dorna Meca. Todos eles grandes amantes deste tipo de embarcacións e posuidores dunha grande experiencia en navegación a vela. A pregunta que se fixeron foi: ¿Podería servir unha dorna para cruzar o Atlántico? Evidentemente, o único xeito de a responder era coa práctica. E decidiron poñerse mans á obra. En decembro do pasado ano comezaban nos estaleiros Hijos de José Garrido de O Grove os traballos de construcción, realizados seguindo técnicas tradicionais. A dorna resultante, bautizada coma Irmandiña, leva ao límite o tamaño deste tipo de embarcacións pero conta con todas as características que as definen. As medidas finais son 9,20 metros de eslora, 3,10 de manga e 1,40 de puntal, cunha superficie de 50 metros de vela, e segue a forma das coñecidas coma dornas xeiteiras.

En marcha
Despois da botadura, no pasado mes de xullo e das correspondentes probas de navegación polas augas do país, a Dorna achegouse durante a pasada fin de semana ata a Festa do Mar de Poio, onde se fixo a presentación oficial do proxecto. Entre a construcción da embarcación, os gastos de promoción e o custe da travesía o orzamento total rolda os 350.000 euros, que se reuniron buscando a colaboración e o patrocinio de diversas empresas e entidades. A intención de realizar unha travesía o máis tradicional posible levou aos promotores a non contar con ningún medio de navegación nin con comodidades posteriores ao século XVII, o que implica a imposibilidade de calcular con exactitude a posición e a ausencia de electricidade, calefacción e unha chea de elementos considerados a día de hoxe imprescindibles para a navegación. Sen embargo, e co fin de evitar riscos innecesarios, a Irmandiña contará durante a súa travesía cun acompañante, o veleiro La Peregrina, de vinte metros de eslora e que si irá equipado coas últimas tecnoloxías pero que só en caso de urxencia lle pasará información á Irmandiña e lle axudará na súa ruta.

A viaxe
A vindeira Festa do Mar de Combarro verá a partida da Irmandiña. Desde a Ría de Pontevedra a dorna dirixirase a Canarias onde os tripulantes agardan chegar nun prazo de entre doce e vinte días. Logo dunha parada de arredor dun mes, a Irmandiña deixará as Illas Afortunadas e porá rumbo ao Arquipélago de Cabo Verde, desde onde iniciará a travesía final ata Porto Rico. A arribada será en decembro de 2004 segundo as previsións dos organizadores. En cada unha das súas escalas a dorna participará en diferentes actividades de tipo cultural, amosando o xeito tradicional de navegación en Galicia e presentando o proxecto.

Obxectivos
Os promotores da travesía sinalan que os seus obxectivos con este proxecto son divulgar o interese polas embarcacións tradicionais do noso país ao tempo que se exalta a dorna, unha barca que permitiu o traballo no mar do pescador galego desde o século XII sen a penas sufrir modificacións. Por outra banda, queren conmemorar as xestas transoceánicas realizadas en tempos nos que non se contaban con medios técnicos coma os actuais e establecer un vencello entre todas as comunidades atlánticas que visite a barca. A Irmandiña xa está na auga, agora só falta agardar ventos favorables.