O perigo de que a Festa da Dorna non se celebre mobiliza ós veciños de Ribeira

As dornas abanean

A recente demisión da directiva da Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira e o anuncio de que esta festa podería non celebrarse pola escasa colaboración veciñal está a provocar unha ampla resposta na vila para que se poida celebrar a cincuenta e catro edición deste evento. Mentres, na Illa de Arousa, a asociación cultural Dorna vén de pór en marcha a súa Escola de Navegación e Aparellamento de Embarcacións Tradicionais, abertas a todos os interesados.

Os problemas


O pasado mes de abril a asociación cultural Real e Ilustre Confraría da Dorna de Riveira suspendeu a organización da tradicional Festa da Dorna de Ribeira por falta de apoio veciñal á iniciativa. Esta asociación, que se encarga de organizar o evento desde 1991, lamenta que ningunha das corenta peñas que participan na festa colaboren nas tarefas preparatorias. Ademais, a Confraría sinalou que as débedas que diferentes entidades teñen con esta asociación chegan ata o 25% do orzamento da festa, o que supón máis de 1.200 euros. Aínda máis recentemente a directiva presentou a súa demisión ante a falta de apoio recibido, desempeñando o seu cargo en funcións ata o vindeiro dezaoito de maio. De non acadarse un acordo para organizar a festa, actividades coma as regatas o certame de "vo sen motor" ou o campionato de futbolín poderían non celebrarse.












A colaborar


O vindeiro sábado, día dezaoito de maio, a Real e Ilustre Confraría da Dorna convocou senllas xuntanzas para socios e peñas da festa co fin de decidir o futuro desta celebración. Así, ás oito e media da tarde o conservatorio de Ribeira acollerá unha xuntanza á que están chamados os máis de trescentos socios da confraría para elexir unha nova directiva que se faga cargo da organización. No caso de que se acade conformar este órgano, os novos representantes comparecerán unha hora máis tarde ante as peñas para coordinar a organización da festa. Prevese unha asistencia masiva a ámbalas dúas xuntanzas, xa que tanto desde o sector hosteleiro como desde as peñas ou os socios xa se amosou unha grande preocupación polo futuro dunha festa que naceu en 1948. O alcadle de Ribeira, José Luis Torres Colomer, xa amosou a súa disposición a dar apoio municipal ó evento. Segundo recolle "O Correo Galego", mesmo é posible que a festa se celebre de xeito espontáneo dada a grande tradición existente.
A festa da dorna naceu en 1948 cunha vocación humorística e foise desenvolvendo ó longo do tempo adquirindo unha faceta benéfica, xa que durante a festa entregábaselles ós mariñeiros máis pobres material para que puidesen desenvolver o seu traballo. Nos últimos vinte anos a festa consolidouse como unha das máis destacadas no Barbanza, acadando a participación de milleiros de persoas cada vintecatro de xullo.





Dornas na Illa

A Asociación Cultural Dorna está a desenvolver unha nova edición da súa Escola de Navegación e Aparellamento de Embarcacións Tradicionais. Os cursos, que se desenvolven na praia do Bao, na Illa de Arousa, van desde a iniciación á navegación a vela á especialización neste tipo de arte, incluíndo leccións sobre o medio mariño e cultura mariñeira da zona. As clases poden darse durante as fins de semana ou de xeito intensivo, e están abertas a todos os interesados maiores de doce anos. Con esta iniciativa a asociación Dorna quere manter viva a cultura mariñeira tradicional ó tempo que potencia un turismo de calidade na Ría de Arousa.