A asociación Barcas do Minho recupera desde hai tres anos as embarcacións tradicionais dos nosos ríos

Ríos que eran camiños

Para alén da súa importancia á hora de proporcionar alimento e de mover os imprescindíbeis muíños, na sociedade tradicional non era estraño que os ríos fosen tamén importantes vías de comunicación. Dentro da vaga de recuperación de embarcacións tradicionais que se vive en Galicia nos últimos ano, houbo oco tamén para aquelas barcas da auga doce, aquelas lanchas esquecidas que percorrían os nosos ríos cando aínda os encoros non os partiran.

Até non hai tanto tempo, o interior de Galicia dispuña das súas propias embarcacións e artes de navegación. Os ríos, especialmente o Miño e o Sil, vían nas súas ribeiras unha ampla variedade de barcas que eran empregadas para cruzar nunha época na que as pontes eran escasas ou que mesmo servían para transportar diferentes mercadorías por uns cursos aínda non partidos polos encoros. A desertización do rural, a diminución da pesca fluvial e o atranco que para a navegación nos ríos supón os omnipresentes encoros fixeron que as embarcacións que tradicionalmente se empregaban nos nosos cursos fose rapidamente esquecidas, aínda máis, se cabe, e as súas homólogas de auga salgada. Para alén, a construción de pontes e a conseguinte desaparición dos servizos de transbordo acabou tamén con aquelas precarias balsas que a miúdo se empregaban con estas funcións. No entanto, co comezo do novo século, naceu tamén a primeira asociación dedicada a recuperar esta parte do noso legado, e xurdiu, como non podía ser menos, do maior dos nosos ríos, o Miño.

O nacemento
Barcas do Minho constituíase en primavera de 2001, coa intención de protexer e difundir este importante legado alén de lle buscar novos empregos que garanta a súa supervivencia de cara ao futuro. Xa neste primeiro ano de existencia, a agrupación desenvolveu unha intensa actividade, e xa na Semana Santa recuperaban a última barca de pasaxe tradicional que existía no Miño. No verán seguinte, iniciaron en O Barco de Valdeorras o I Curso de fabricación de embarcacións tradicionais do río Sil, un obradoiro de carpintaría do que saíron nada menos que dezaoito lanchas de madeira, alén diso varias reproducións a escala e de abondoso material audiovisual sobre o proceso de fabricación das mesmas, grazas á colaboración da asociación coa daquela constituía agrupación A Figueiriña Lanchas do Sil. Segundo sinala o web da asociación esta experiencia foi un éxito tamén pola participación da xente da zona nas actividades.

Movendo as barcas
Despois de organizar nese mesmo ano o I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Río, o ano acababa para a Asociación coa posta en marcha dunha mostra itinerante sobre cultura fluvial que inclúe doce maquetas coas diferentes tipoloxías de embarcacións que existen no país. Alén diso, dezasete paneis amosan fotografías e descricións das embarcacións, de peixes autóctonos e de aparellos de pesca. Finalmente, onde houber medios técnicos, pódese complementar este contido cun audiovisual que explica polo miúdo esas peculiaridades.

Os tipos
Os tipos de barcas que se empregaban nos nosos ríos son moitos. Só no Miño encontramos o batuxo da Terra chá, a barca de Lugo, a de Chantada, o barco de dornas que tiña duplo casco coma un catamarán, a lancha de Ourense o carocho e a gamela. Despois están as embarcacións propias do Sil, do Cabe, do Ulla, do Landro e da Lagoa de Antela, segundo recolle a asociación na mostra itinerante. A forma e tamaño destas barcas vai desde as pequenas embarcacións triangulares feitas para cruzar entre as beiras dos ríos até as grandes lanchas cadradas que se empregaban para transbordar mesmo carros ou aquelas finas barcas que se empregaban para a pesca e contaban cun deseño coidado e elaborado.

Continuación e proxectos
Despois daquel primeiro ano de intensa actividade, a asociación non deixou de desenvolver o seu traballo, e deste xeito está a manter a cita anual de embarcacións fluviais e integrouse na Fedración Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Alén diso, na Semana Santa do 2003 puñan a andar un batuxo impulsado a vara propio da zona de Chantada, e en outono do mesmo ano pousaron embarcacións nos pasos de Belesar e de Porto Sardiñeira. Este verán, a recuperación deste tipo de embarcacións está a ter un novo impulso. En colaboración con dous estabelecementos de turismo rural, a asociación está a desenvolver un proxecto de turismo activo nos encoros de Belesar e Os Peares, Nestes lugares a barcas empréganse con fins lúdicos para os visitantes. De prosperaren iniciativas coma estas, as barcas dos nosos ríos terán garantido o seguir aboiando.