Diego Anido estrea no teatro Ensalle 'El dios del pop'

O artista presenta a que é a súa quinta proposta escénica en solitario

A quinta peza en solitario do creador escénico Diego Anido preséntase esta semana en Teatro Ensalle. "El dios del pop" é un espectáculo apoiado desde as Residencias Paraíso , cuxo proceso de creación xa estivo en contacto co público anteriormente no propio teatro Ensalle e en Escenas do Cambio, agora chega o resultado final dese traballo de Anido, que estará na sala viguesa os días 14, 15, 16 e 17 ás 20:00 horas. A dirección, dramaturxia e interpretación corren a cargo de Diego, que conta con Borja Fernández como axudante de dirección, coa escenografía de Carmen Triñanes e o espazo sonoro elaborado por Xavi Bértolo.

'El dios del pop' é o quinto espectáculo que Anido defende sobre as táboas en solitario, nunha traxectoria que comeza con 'Paper Boy' e 'El Alemán' en 2006, aos que seguiron 'Cascuda' en 2009 e 'Symon Pedicrí' en 2015. O espectáculo é, segundo o comunicado da sala, o resultado dunha metodoloxía de traballo moi persoal e pouco común. Nela convive a variedade escénica dos elementos do texto, danza, baile e música en directo, cunha depurada dramaturxia que trata de dar vida a unha biografía nacida de mesturar a vida dunha pseudo-estrela do pop coa propia biografía do autor. El dios del pop, segundo isto, é un singular individuo que transita pola escena cun delicado camiñar, unha voz suave e unha enerxía salvaxe para amosar todo o que o seu talento lle permite ser. Así fala a personaxe: "Tres días despois o meu pai recolleunos na entrada do hospital, e unha vez en casa abríronnos a porta as miñas irmás CARLA e SUSANA que acababan de chegar de pasar as vacacións na praia, en casa dos tíos, no 6ºA. Non son xemelgas, pero todo o mundo confúndeas porque son idénticas, como dous vasos de prástico. Non se lembraban de que mamá estaba embarazada de min antes de irse de vacacións. Por iso Susana, ao verme, preocupada, exclamou: “¡Oh, santo ceo, que Deus nos axude! ¡Outro máis!”. Pero estaba equivocada, eu non era outro máis. Eu era único".
Ligazóns