Unha BD colectiva aborda a memoria histórica en San Simón

Aira Editorial publica o segundo volume das aventuras de Mariña

Ilustración da capa de <i>Retorno á illa de San Simón</i>
Ilustración da capa de Retorno á illa de San Simón
A Deputación de Pontevedra presenta este venres 15 de outubro a súa primeira banda deseñada. Regreso á Illa de San Simón é unha publicación colectiva na que catorce autoras e autores formados na escola de BD O Garaxe Hermético e coordinados por Kiko da Silva retratan diferentes historias que aconteceron no tempo no que este espazo foi un campo de concentración.

Miguel Rojo, Pablo Prado, Fernando Llor, Ana Pumares, Fonso Barreiro, Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón, Damián Gómez Figueras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Olalla González e Lorena Nikoli asinan esta obra colectiva ambientada entre 1939 e 1943. O volume distribuirase en centros de educación secundaria da provincia de Pontevedra e mais nas bibliotecas e puntos de lectura municipais. As persoas interesadas en conseguir un exemplar poderán solicitalo nas instalacións do departamento de Memoria Histórica situado nas dependencias do Arquivo Provincial.

De xeito paralelo, a editorial Aira continúa a súa aposta pola novena arte e presenta Bulleira segundo volume da serie "As abraiantes aventuras de Mariña" que comezaran coa obra Carriandola. Ignacio Hernández, Miguel Robledo e Simón Blanco asinan un volume de 96 páxinas nas que a protagonista tenta resolver o misterio dunha Galicia que leva xa unha década sen enerxía eléctrica. A historia, ambientada no Camiño de Santiago, ve a luz co apoio do Xacobeo e da Xunta de Galicia.