Xacio Baño gaña o Premio Galiza do Curtocircuíto con 'Augas abisais'

O Premio Radar da sección internacional foi para 'Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje', de Gabriel Herrera

O Premio Radar da sección internacional foi para 'Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje', de Gabriel Herrera
Xacio Baño recollendo o seu galardón na cerimonia de clausura
O relato audiovisual de Xacio Baño na curtametraxe 'Augas abisais' acadou o Premio Galiza da rematada edición do festival Curtocircuíto, en Santiago de Compostela. 'Augas abisais' crea un paralelismo entre mergullarse no fondo do océano e na propia historia, partindo dunhas lembranzas e correspondencia de tempos moi pasados pero aínda presentes. O xurado decantouse por esta cinta valorando o seu logro a través de "técnicas cinemáticas orixinais para falar do pasado mentres se escava o presente, por atopar un camiño metafórico cara a narración que pode destapar e rexistrar a procura dese propio camiño, e por iluminar unha experiencia persoal que lanza luz sobre o colectivo". O filme acadou ademais un Premio AGAG ao mellor guión galego, concedido ex aequo coa curta 'Homeless Home', de Alberto Vázquez. Esta última tamén acadou o premio CREA á mellor dirección dunha produción galega. O xurado considerou que Alberto Vázquez "foi quen de construír un mundo dunha natureza gráfica e sonora única", e concedeulle ese galardón tamén á súa cinta "polo uso dun trasfondo social duro, porque non todos os retornos a casa son unha apoteose como na Odisea".


Augas Abisais - trailer from Xacio Baño on Vimeo.



No relativo ás producións galegas foi tamén recoñecida cunha mención especial do Premio Galiza a curtametraxe 'A Comuñón da miña prima Andrea', de Brandán Cerviño, que ademais obtivo o meritorio Premio do Público. Para o xurado esta obra consegue crear "un relato único" desde a inocencia e con códigos universais ao "cederlle a unha nena o poder de dirixir unha película e converterse na protagonista da mesma". Ademais, a curta 'Fillxs do abafo', asinada en equipo por Marina Calvache Barbosa, Arón Arias Dono, Pablo Fariña Aldao, Beatriz Amoza Dávila e Antón Carral López gañou o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Turismo de Santiago y Santiago de Compostela Film Commission. O xurado valorou a produción "por saber retratar unha xuventude en constante crise e por explorar novos camiños e ser capaces de buscar a estetización dos espazos grises urbanos".

O palmarés completo desta edición do Curtocircuíto complétase cos galardóns das súas competicións internacionais outorgados polos diferentes xurados. Así, o Premio Radar foi para 'Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje', de Gabriel Herrera, cunha mención especial para 'The Unseen River', de Pham Ngoc Lan. O Premio Explora foi para 'Surviving You, Always', de Morgan Quaintance, tamén cunha mención especial para 'The Canyon', de Zachary Epcar. O premio Penínsulas, foi para 'Future Foods', de Gerard Ortín, con mención especial para 'La peli del algoritmo', de Claudia Negro García. O Xurado Novo elixiu para premiar a cinta 'The Parents' Room,' de Diego Marcon, facendo mención tamén de 'Forever', de Mitch McGlocklin.