O Foro Patrimonio e Sociedade do CCG propón unha "folla de ruta" para pensar o futuro do patrimonio galego

Hoxe presentouse no CCG unha "Guía práctica" para involucrar á sociedade sobre a gobernanza

Cuberta da guía.
Cuberta da guía.
Non son unhas conclusións ao uso, senón unha "guía práctica" para pensar o patrimonio cultural galego do futuro. Hoxe o CCG presentou o resultado de máis dun ano e medio de xuntanzas por parte de trinta e cinco expertos en patrimonio cultural no Foro Patrimonio e Sociedade. Un punto de encontro entre a sociedade civil, os profesionais e a administración que remata hoxe cun documento que agarda ser unha folla de ruta para as políticas de patrimonio cultural, pero tamén para axudar nas relacións entre a sociedade civil e a administración. Entre as propostas, está a creación dun Observatorio de Patrimonio, unha comisión de Patrimonio no Parlamento e a elaboración dun Plan Autonómico Patrimonial de Galicia, traza a folla de ruta para a xestión do patrimonio galego nos vindeiros anos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do Foro e mais da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, Rebeca Blanco-Rotea, presentaron publicamente esta mañá os resultados deste proceso.


“Todas as actuacións que teñen que ver co patrimonio son sempre complexas porque suscitan posicións e propostas que ás veces están enfrontadas” explicou a presidenta do CCG no acto de presentación para dar conta a complexidade do proceso. “A guía en si mesa xa é un fito importante no noso camiño” engadiu nun acto ao que asistiron unha ducia de persoas integradas no proceso como os coordinadores Iago Seara ou Cristina Sánchez Carretero, algúns dos membros da Comisión de Cultura do Parlamento, Noa Díaz e Mercedes Queixas; así como o catedrático de dereito Carlos Amoedo; a responsable da Área de Cultura e Patrimonio do Valedor do Pobo, Beatriz González, ou Soledad Felloza, da Rede do Patrimonio Cultural.

O Foro Patrimonio e Sociedade culminou coa presentación dun documento que pon enriba da mesa que se necesitan unha serie de ferramentas concretas para poder atender a todas as cuestións que afecten ao noso patrimonio. A primeira delas, e a máis necesaria, é a elaboración dun Plan Autonómico Patrimonial de Galicia que conteña as liñas forza da xestión da Administración autonómica. Dado o inxente patrimonio que hai no noso país, o Foro entende que a educación da cidadanía é clave, por iso fai explícito que ese Plan conteña un apartado específico de educación patrimonial. E tamén deixa claro que se necesita dotación orzamentaria para poñelo en marcha.

Outra das conclusións que apunta o Foro é a creación dunha Comisión de Patrimonio no Parlamento de Galicia, que podería estar vinculada á propia Comisión de Cultura, que atenda ao patrimonio como elemento estratéxico e transversal na política cultural galega. Ademais, recomenda a creación dun Observatorio de Patrimonio (cunha sección dedicada á Educación Patrimonial) e dun órgano interadministrativo de coordinación da política, normativa e xestión integral do Patrimonio Cultural de Galicia que goce de maior autonomía e, ao mesmo tempo, integre os principais ramos da Administración activa autonómica na xestión do territorio, combinando liderado e participación das visións sectoriais.