A 'novela auroral galega' nunha edición actualizada e facsimilar

Galaxia publica 'Maxina ou a filla espuria' (1870) de Marcial Valladares

A revista madrileña La Ilustración Gallega y Asturiana dirixida por Murguía publicaba en once entregas ao longo do ano 1880 a narración considerada "novela auroral galega", Maxina ou a filla espuria, de Marcial Valladares Núñez (1821. 1903). A consideración faina Xosé Antonio Fernández Salgado, profesor de filoloxía galega da Universidade de Vigo e prologuista da nova publicación deste texto nunha edición especial a cargo de Xesús Domínguez Dono que ven de facer a Editorial Galaxia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e coa colaboración da Real Academia Galega. Nesta edición desta obra "ecléctica onde se cruzan elemento de varios estilos" ofrécese un texto actualizado da narración, para facilitar o acceso á súa lectura, que vai acompañado, ademais de polo prólogo de Fernández Salgado e os Criterio de Edición, coa reprodución facsimilar caligráfica completa do manuscrito orixinal realizado en 1870 polo lexicografo ao que a Real Academia Galega dedicou en 1970 o Día das Letras Galegas. Nos arquivos de dita institución atópase depositado este orixinal dixitalizado agora para a súa reprodución.

En 'Maxina', seguindo moldes da novela folletín da época, cóntase a tormentosa e desgraciada historia de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que é violada nun baile de máscaras, a consecuencia do cal nacerá unha nena que chamarán Maxina. Co fin de preservar a honra da nai, a nena será dada ao hospicio, e logo recollida e criada polos labregos Inés e Caitán, xunto ao seu medio irmán Ermelio, afillado de Salvio, o señorito de Rebordán, namorado e pretendente de Otilia. O azar folletinesco acabará permitindo coñecer a orixe de Maxina, descubrir o autor da violación, proclamar a inocencia de Otilia e saber do futuro de Maxina, localizándose a acción entre 1850 e 1868 nas, para o autor, queridas paisaxes da Ulla. Segundo explica o prólogo, "Valladares parece que sentiu chegado o tempo de acometer un xénero daquela aínda inexplorado en galego, e fíxoo aguilloado polo contexto literario propicio, preparado no lingüístico logo da recollida folclórica e lexicográfica e cunha certa experiencia como narrador en castelán, pois xa daquela tiña escritas as novelas Flora (1857) e Asela (1867), aínda hoxe inéditas", escribe Fernández Salgado.