O Museo de Pontevedra abre a exposición dos Novos Valores da arte contemporánea

Ademais das obras gañadoras das bolsas amósase unha selección doutras pezas presentadas ao certame

Ademais das obras gañadoras das bolsas amósase unha selección doutras pezas presentadas ao certame
A exposición 'Novos Valores 2021. Obra seleccionada' está xa aberta no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra coas 14 mellores pezas escollidas polo xurado profesional desta edición do certame e inclúe as obras dos gañadores das bolsas Rebeca Lar, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo. A mostra estará aberta ata o 12 de setembro, e pretende actuar como unha testemuña da evolución da arte galega e do apoio da institución provincial a novas e novos creadores. O certame de Novos Valores, hai que lembrar, iniciou unha nova fase na pasada edición, na que se reduciu a idade para participar ata os 35 anos co fin de potenciar o compoñente de apoio á formación das e dos novos artistas. Neste ano, a Deputación de Pontevedra chegou a recibir 38 obras para participar no certame de Novos Valores 2021, das que agora amósase unha selección de 14 escollidas polo xurado conformado por José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra; María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Itziar Ezquieta Lamas, artista plástica e profesora asociada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra; Carmen Hermo Sánchez, artista e profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Pilar Corredoira, historiadora de Arte Contemporánea e comisaria de exposicións; e Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro.