Diego Vites, María Maquieira, Basilisa Fiestras e Olmo Cuña, premiados coas bolsas Novos Valores

O xurado seleccionou unha pintura, unha escultura, un debuxo e un vídeo como as mellores pezas de entre as 120 presentadas

Diego Vites coa pintura ‘Historiografía Tigua (sen xesta)', María Maquieira co seu debuxo ‘El boceto ampliado', Basilisa Fiestras coa súa escultura ‘Lentes' e Olmo Cuñas co seu vídeo ‘Die sonne auf der Pfaueninsel', son os premiados coas bolsas do certame Novos Valores 2016 entre as 120 pezas que participaban no concurso convocado pola Deputación de Pontevedra. Ademais das catro obras premiadas coa bolsa de 7.500 euros para estudos artísticos, o xurado tamén seleccionou outras 32 pezas que se mostrarán na exposición Novos Valores 2016, que abrirá nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de conservación e Restauración de Bens Culturais entre o 4 de agosto e o 11 de setembro. Alí poderanse admirar 13 obras de pintura, 7 de fotografía, 6 debuxos, 5 esculturas, 3 vídeos e 2 gravados.

A intención de Vites(O Grove), unha vez concedida a bolsa, é continuar na creación dunha historiografía máis completa seguindo a liña do traballo presentado: a mestura das pinturas indíxenas con arte contemporáneo galego a través de historias periféricas. O autor propón a realización dunha residencia de arte contemporáneo Quito ‘No-lugar' para seguir e crear novas obras en colaboración con artistas indíxenas locais. A proposta de María Maquieira (A Coruña), para investir a bolsa é, como primeira opción, residir en Inglaterra para desenvolver un proxecto artístico tutorizado pola artista e docente Sarah Simblet na Rusking School de Oxford. A intención de Basilisa Fiestras (Pontevedra), alumna da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, é ampliar o proxecto ‘Reglas para un parque humano', que consiste na fragmentación do corpo e na realización de composicións orgánicas que remitan ao corporal. Finalmente, Olmo Cuña (Vigo) ten como intención rematar os seus estudos de arte contemporánea do programa educativo SOMA en México.