Despois da demanda da Real Academia Galega, os códices máis iluminados das Cantigas de Santa María xa están na rede. Trátanse do Códice Rico, a versión iluminada por excelencia as Cantigas de Santa María, e o Códice dos músicos, un manuscrito inconcluso que reúne tamén fermosas imaxes de músicos. NO caso do Códice Rico, sobrancean os seus característicos folios iluminados, divididos en seis viñetas "nos que se desenvolve o contido do poema en seis imaxes", segundo Patrimonio Nacional. As imaxes dos dous códices son accesibles desde o web de Patrimonio Nacional. Ata o momento, o acceso a estas imaxes só se podía realizar a través de edicións facsímiles. Por outra banda, onte a Editorial Galaxia presentou en Compostela o facsímile da escolma das Cantigas de Santa María que realizou Álvaro Cunqueiro en 1980 para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado a Afonso X. O libro conta cun prólogo, unha escolma de poemas máis vinculados a Galicia e unha versión en galego moderno, así como cubertas e ilustracións de Xoáhn Ledo.