Enreguéifate falla os galardóns do certame 2021

A canle de Youtube do proxecto recolle todos os vídeos que se presentaron a concurso

| Santiago. Redacción | Seccións: Educación
Compartir:
Enreguéifate falla os galardóns do certame 2021

O certame Enreguéifate, que premia os mellores traballos de improvisación oral en galego acaba de dar a coñecer os galardóns de 2021. O xurado, composto por María López, concelleira en Teo e profesora; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; e A Rabela, rapeira, filóloga e regueifeira, escolleu as propostas gañadoras entre as 42 que participaron no concurso.

Regueifas de 2021 na categoría xeral

Na categoría xeral Regheifeiras da Pontragha fixéronse co premio á regueifa máis brava, co vídeo "máis ousado, garboso, festeiro e divertido" con "Practicando para o "`vrau'", mentres a máis aguda, categoría que recoñece as propostas máis creativas e orixinais a nivel estético foi Trocando roles de Patty e Iván. Chaminho e Arrieiro obtiveron o galardón á regueifa máis diversa con Koruño vs. Rural, As Canosa fixeron a máis reivindicativa con Máxico é o galego e Xurxo Souto e Óscar o Arrieiro alzáronse co recoñecemento á mellor faladar por Torgho de Bergantiños. Os irmáns Tato, pola súa banda, levaron o premio á mellor cantada por Regueifando co protocolo.

Regueifas de 2021 na categoría escolar

Na categoría escolar os premios foron para Patakas Bravas por A guerra do bonito, As Marías do Lamas por As Marías, os Pitifláuticos por Nós queremos igualdade!!! e Rimas coma balas con vídeo Exprésate rimando. 21 garabullos e a súa A regueixeira tiveron o recoñecemento á mellor falada mentres os Sons da aldea de Dúas moi galegas obtivo o de mellor cantada.

O certame é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Os premios non contan con dotación económica.

Que che parece esta nova?
59 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Séchu Sende, Séchu Sende, Teo, Xurxo Souto...