Un curso en Vigo facilitará o achegamento á improvisación oral tradicional

Chega á rede o curso virtual Regueifa 2.0 de Séchu Sende e Manolo Maseda

Imaxe do Curso de Improvisación Oral do SNL de Vigo
Imaxe do Curso de Improvisación Oral do SNL de Vigo
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, a través do Centro de Interpretación da Oralidade, acaba de convocar a edición 2020-2021 do Curso de Improvisación Oral en Verso. Esta proposta formativa desenvolverase ata mes de maio do vindeiro ano e pretende dar a coñecer a poesía oral improvisada en verso, espertar o interese pola técnica, facultar o alumnado para poder improvisar e mellorar as competencias persoais no fomento das actitudes para a improvisación, da actitude creativa ou do desenvolvemento da memoria, entre outros obxectivos. As aulas estarán a cargo de Josinho da Teixeira e a inscrición é de balde.


En paralelo, acaba de chegar á rede o curso Regueifa 2.0 que os profesores Manolo Maseda e Sechu Sende, responsables do proxecto Regueifesta, elaboraron en 2017 para a aula virtual do Centro Autonómico de Formación e Innovación. Malia a que o curso non se chegou a desenvolver naquel momento, todo o material queda agora en libre disposición para todas as persoas interesadas. Teoría e práctica da improvisación, a historia da regueifa, nocións musicais, comunicación escénica e outras materias abórdanse nas diferentes unidades que compoñen o proxecto, orientado á formación de docentes neste campo e con abondoso material multimedia.