Villares: "Debemos construír un relato da Galicia democrática que sexa homologable ao doutros países"

Presenta o libro Cultura e política na Galicia do século XX

"Ao presidir o Consello da Cultura Galega puiden coñecer entretelas que me permitiron comprender a 'estrutura íntima' da cultura galega", sinalou Ramón Villares durante a presentación do libro Cultura e política na Galicia do século XX, da man da editorial Galaxia, esta mañá no Consello da Cultura Galega, institución que presidiu durante doce anos. Acompañando ao autor estaban Rosario Álvarez, presidenta actual do CCG, e o catedrático de Ciencias Políticas Ramón Maiz.

O libro é un repaso a través de diferentes artigos aos procesos que construíron a cultura galega ao longo do século XX. Desde o papel do exilio ou de figuras clave do galeguismo durante o franquismo e a transición democrática como Ramón Piñeiro, ata a creación do propio Consello da Cultura Galega ou iniciativas culturalistas como a Gran Enciclopedia Gallega. Todo cun obxectivo: reclamar a "idea de pluralidade para a cultura galega, recoñecer as diferencias e crear un espazo para a discrepancia". Ramón Maiz, como lector aventaxado, recoñeceu esa idea da cultura do país "desde a pluridade interna" e como "resultado dunha loita e dun proceso, porque toda cultura implica unha selección e un filtrado, e toda selección é discutible e contestable".

O uso do pasado galego
Villares defende na publicación que "este libro está cheo de futuro coa desculpa do pasado. Empregamos o pasado para pensar o futuro. O pasado non é coma un sacerdote que marca o futuro da nación". E son precisamente un historiador de contemporánea como Villares e un politólogo como Ramón Máiz que ten estudado a xénese do pensamento político nacionalista galego os que teñen claro que a nación non procede tanto dunhas características esenciais, senón da acción do día a día. "Podemos pensar nas manifestacións contra o estatuto da aldraxe, que pretendía rebaixar o estatuto da autonomía galega a funcións meramente administrativas como o nacemento da nación contemporánea, que se move e se expresa", dixo Ramón Maiz. "Tanto a cultura como a nación sempre crean e constrúen, non reflicten unha realidade previa. Sempre están proxectándose ao futuro".

Para alentar esa idea de pluralidade neste libro sobre encontros e desencontros no século XX, Villares móvese entre as mencións ás resistencias interiores e ás olladas sobre o exilio galego, e a súa capacidade para alentar na oposición interior a Franco "unha mínima estratexia política". Villares cita a Luís Seoane, unha figura á que recorre con moita frecuencia, e como este felicitou ao galeguista interior Marino Dónega pola súa incorporación ao goberno preautonómico presidido por Antonio Rosón, un político con gran implicación no franquismo. "Non temos que decirche da nosa emoción e contento porque ti, un galeguista, integres a Xunta de Galicia. É como un soño que recobrásemos do 1936", dicía Seoane nunha carta. Villares emprega no libro unha comparación da ‘restauración da lexitimidade’ en Cataluña, Euskadi e Galicia. "No caso de Cataluña, a entrega de lexitimidade foi co retorno de Tarradellas. E no caso de Euskadi, foi coa entrega das chaves da sede do PNV en París ao lehendakari Carlos Garaicoetxea. Pero en Galicia, a entrega da lexitimidade foi o retorno dos restos de Castelao. Non tiñan nada máis que traer". E esta entrega xenerou unha coñecida confrontación interna.

"Temos a necesidade de construír un relato da Galicia democrática que sexa con criterios homologables aos dous outros países, non neses termos de derrotas ou similares", indicou Villares, quen atopa, no seu artigo sobre a propia historia da creación do Consello da Cultura Galega, "que está tan cheo de lendas urbanas", como un espello das propias críticas a todo o sistema institucional autonómico.