Youtubeir@s e Olloboi voltan para potenciar a creatividade audiovisual

O certame de videocreación potencia as canles na súa nova edición, mentres Boiro acolle o festival escolar o día 12

Dúas das citas máis destacadas no apoio á nova creación audiovisual do país, o certame Youtubeir@s e o Festival de Cinema Escolar Olloboi, presentan as súas novas xeiras. As bases da quinta edición de Youtubeir@s, que se presenta co lema "Magnetismo en rede" están xa publicadas no web da iniciativa, a manter a contía de 7.500 euros en premios e as mesmas doce categorías. Como principal novidade da xeira, "a organización quere fomentar a creación e o mantemento de canles, polo que neste 2021 só se poderán presentar canles e non vídeos illados como en anos anteriores".

Deste xeito, poderán optar aos galardóns "maiores de 14 anos con canles de Youtube en galego, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020". O prazo para se presentar ao certame estará aberto entre o 10 de setembro e o 22 de outubro deste ano. Abrirase entón un período de votación en liña para que logo un xurado escolla as propostas galardoadas entre aquelas que sumen máis apoios.

A continuar coas propostas formativas paralelas ao certame, a organización desenvolve unha serie de cursos en liña para favorecer unha mellor calidade nas producións galegas para as redes sociais. Deste xeito, o vindeiro 18 de xuño Xoán Escudero, técnico de son e realizador audiovisual explicará xeitos de mellorar a calidade sonora e as gravacións dos vídeos destinados a Youtube. A esta acción seguirán en vindeiras datas outras sobre aspectos legais e dereitos de propiedade intelectual, da man de Bárbara Román, e de posicionamento da creación dixital nesta rede, con Adrián Suárez.

Pola súa banda, o Concello de Boiro acolle este 12 de xuño a edición 10+1 de Olloboi. O Festival de Cinema Escolar ten xa na rede os traballos finalistas desta xeira, na que a organización remoza as categorías "para favorecer que as obras seleccionadas sexan o máis representativas posible". Deste xeito, as peza competirán nos premios a Olloboi Peque, Olloboi +18 (Ficción e Non ficción) e, nas categorías xerais, Videoclip, Comprometido, Videoarte, Guión, Non ficción e a novidade Olloboi Wabisabi, "unha categoría moi enfocada á creación adolescente".

No marco do festival entregaranse ademais as mencións Mestras polo futuro á peza con máis sensibilidade artística na Educación Ambiental e a de Mellor Iniciativa Audiovisual, que recae sobre o programa Vidas Mariñeiras do GALP Golfo Ártabro Norte. A xornada incluirá tamén a pre-estrea do documental Cadernas de Olloboi, que repasa os 10 anos de percorrido do festival, e mais unha actuación da orquesta Por min, swing.