Localizan a gravura dun sol nun dolmen de Friol

O colectivo Patrimonio dos Ancares resalta a singularidade do achado

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
Gravura (retocada dixitalmente) na mámoa número 2 de Costa de Mera (Guldriz, Friol). Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares

Gravura (retocada dixitalmente) na mámoa número 2 de Costa de Mera (Guldriz, Friol). Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares

Aínda que moi posiblemente boa parte das cámaras funerarias dos dólmenes galegos estaban decoradas e algunhas conservan aínda gravados, non sempre é doado recoñecer os motivos. Pero o colectivo Patrimonio dos Ancares está convencido de ter identificado un impactante sol no esteo da mámoa número 2 da necrópole de Costa de Mera (Guldriz, Friol). A figura, un círculo rodeado de catorce liñas radiais, está ubicada no esteo que coincide de fronte co leste e a nacenza do sol. Desde Patrimonio dos Ancares destacan a excepcionalidade do achado en Galicia, onde non se conserva ningún outro soliforme tan definido coma este, aínda que se ten proposto esa interpretación para algunhas outras gravuras megalíticas. Na fotografía desta nova, e en contacto con Patrimonio dos Ancares, retocamos dixitalmente a gravura para facilitar a súa identificación polos lectores. Aínda que o dolmen xa era coñecido e mesmo se identificaran nos noventa unhas gravuras cruciformes, a figura pasara inadvertida ata que Brais Rodríguez Romero, membro do colectivo, o identificou recentemente.

Que che parece esta nova?
96 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Colectivo Patrimonio dos Ancares, Brais Rodríguez, Fotografía

Claves

Protagonistas
Conceptos
Lugares