As pedras que miran os deuses

A nova inscrición dos Ancares súmase a toda unha tradición de inscricións divinas no noroeste

A nova inscrición dos Ancares súmase a toda unha tradición de inscricións divinas no noroeste
Esta semana o colectivo Patrimonio dos Ancares deu conta dunha nova inscrición rupestre na Pena de Murias (Rao, Navia de Suarna) que xa foi notificada á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A inscrición, situada sobre unha prominente pena, permite a lectura con claridade do texto "IOVI", o cal en opinión do catedrático da Historia Antiga Marco García Quintela significa "Para Xúpiter". O achado desta gravura súmase a outras inscricións de carácter sagrado localizadas na zona da antiga Gallaecia e o noroeste peninsular, onde en opinión do especialista existe unha abundancia singular deste tipo de inscricións sobre pedras en espazos naturais.

"Xúpiter é o deus dos ceos, dos trebóns, o equivalente a Zeus", sinala García Quintela, "polo tanto é normal que sexa a montaña a canle de comunicación con el. En moitos casos mesmo encubren divinidades anteriores". Segundo informa Quintela, o culto ao deus romano Xúpiter estendeuse polo territorio a partir do século II d.C., "pero aquí hai unha salvedade. Non é mesmo atopar unha inscrición nunha ara en aldeas romanizadas do fondo dos vales que neste tipo de espazos remotos, nos que hai un contexto especial".


A Pena de Murias. Foto: Patrimonio dos Ancares

A inscrición IOVI ten paralelos moi claros en dous lugares de Galicia: a croa do castro de San Cibrán de Lás (San Amaro, Ourense) e en dous outeiros do concello de Campo Lameiro, Outeiro do Galo e Outeiro do Couto. No caso de San Cibrán de Lás, existe unha inscrición similar gravada nunha pedra próxima polo interior á muralla da croa, onde tamén se localizaron outras inscricións dedicadas a deuses indíxenas do noroeste e mesmo estatuas. "A min lémbrame tamén ás inscricións DIVI de Campo Lameiro", sinala García Quintela. Trátase de dúas inscricións sobre penedos que miran cara o val e que foron publicadas en 1998 por Manuel Santos Estévez e el mesmo. As inscricións amosan unha palabra, DIVI, "Aos deuses". "Son inscricións que, como outras ubicadas no norte de Portugal, están escritas en horizontal, para ser lidas desde arriba, como se fosen ofrecidas para que as leran directamente os deuses", sinala García Quintela, quen pon de manifesto o seu carácter especial xa no seu tempo: "na época en Galicia a escrita era excepcional, e ela mesma podía ter un carácter sagrado. Aquí observamos tamén este factor. A ofrenda dedicada a Xúpiter podería ser a escrita do seu propio nome".

Os penedos de Galicia aínda gardan pedras que ollan aos propios deuses.