Betanzos aproba a licitación da restauración do Estanque do Retiro do Pasatempo

Será a primeira das actuacións de recuperación previstas no parque

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
Parque do pasatempo Foto: Dep. Provincial da Coruña

Parque do pasatempo Foto: Dep. Provincial da Coruña

O concello de Betanzos deu onte un paso importante na recuperación prevista do Parque do Pasatempo ao aprobar en xunta de goberno a licitación das obras de restauración do Estanque do Retiro. Está será a primeira das actuacións previstas no plan de recuperación deste Ben de Interese Cultural e vai dirixida a un dos elementos que xa estaban sinalados como máis deteriorados que era a área de 700 metros cadrados do Estanque do Retiro e o seu Templete. A contratación das obras terá un orzamento de saída de 524.000 euros, a maior parte dos cales (419.944 euros) serán achegados pola Deputación Provincial da Coruña en base ao convenio asinado o pasado ano.

Recentemente, neste mesmo mes de maio, o concello tivo que realizar con carácter de urxencia no Pasatempo unha intervención de prevención apuntalando ata 8 metros do muro de Arxentina do parque cun sistema deseñado “ad hoc”, para que non afecte a elementos do parque. A colocación deste apuntalamento foi o primeiro paso para a reparación definitiva dese tramo do muro, fase previa á restauración da súa superficie de baixorrelevos policromados que sairán proximamente a licitación. Os traballos contaron co visto e prace de Patrimonio. A Xunta ten pendente a licitación do Plan Director do Parque do Pasatempo, co que fará unha diagnose da situación actual do parque e marcará as liñas de actuación futuras en relación á recuperación do ben.

Que che parece esta nova?
70 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ben de Interese Cultural, Concello de Betanzos, Arxentina