O festival O Son do Camiño pasa oficialmente a 2022

No Monte do Gozo terá lugar un ciclo de concertos este ano baixo a marca do evento

No Monte do Gozo terá lugar un ciclo de concertos este ano baixo a marca do evento
Festival O Son do Camiño 2018 Foto: S. Montes
Era xa agardada a noticia desde fai tempo, visto que todas as citas equiparables ían caendo do calendario, e hoxe fíxose oficial que o festival O Son do Camiño aprazará a súa terceira edición ao 2022. Igual que xa pasara o pasado ano, o evento do Monte do Gozo atopou que as circunstancias derivadas da situación pandémica facían imposible a súa realización en condicións e apuntou directamente para o mes de xuño do ano que ven, en concreto nos días 16, 17 e 18. Malia todo a organización, pola mesma vía, comunica a súa intención d elevar adiante este mesmo ano outro formato de evento que mantén a marca activa na forma de un ciclo de concertos a celebrar tamén no Monte do Gozo, chamarase O Son do Camiño-Perseidas e a súa programación darase a coñecer a semana que vén.

No relativo ao cartel artístico un primeiro avance do cartel O Son do Camiño 2022 desvelarase nos próximos días, e anúnciase á altura dun Ano Xacobeo. A organización manterá a boa parte dos cabezas de cartel de 2020 e reunirá a máis de 40 artistas, algúns de renome internacional, ampla representación galega e propostas que visitarán por primeira vez a nosa Comunidade dentro dunha anunciada diversidade de estilos, conformando así un evento para todos os públicos. As entradas adquiridas para a edición 2021 serán automaticamente válidas para a de 2022. As entradas para O Son do Camiño-Perseidas son independentes e sairán á venda nos días posteriores á presentación do ciclo de concertos.