Xela Arias: o camiño cara ao foco

Diferentes perspectivas amosan a complexa canonización da autora homenaxeada no Día das Letras

Diferentes perspectivas amosan a complexa canonización da autora homenaxeada no Día das Letras
Fotografía de Xulio Xil na exposición Xela Arias. Asinamos ser libres
A canonización que supón o Día das Letras Galegas para Xela Arias amosa a complexidade de abordar unha autora situada na heterodoxia e na periferia do sistema. Damos conta, da man de Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, e mais de Marga do Val, da plataforma de crítica feminista A Sega, das diferentes perspectivas e expectativas que a cultura do país ten arredor desta celebración.

O carácter periférico e o feito de ser Arias unha figura recente, cunha obra desenvolvida durante a mocidade, é para o presidente da Academia un dos factores que explican a proliferación de propostas arredor do Día das Letras deste 2021. "A cantidade de cousas que están a saír son proba de como se implicou a xente con ela e coa súa obra. E tamén de que a sociedade cultural galega, tanto literaria como docente ten unha forza e unha vitalidade obxectiva. E amosa que é unha autora moi motivadora. Hai unha resposta importante sobre todo de sectores novos da sociedade e de estamentos como o mundo do ensino, institutos, colexios ou asociacións culturais. Tamén desde colectivos feministas. En xeral hai un movemento importante, que o hai todos os anos, na anterior edición arredor da figura de Carballo Calero houbo un movemento importante".

Da periferia ao centro
Desde a plataforma de crítica feminista A Sega, que lle dedicou a Arias o seu Día das Galegas nas Letras de 2019, Marga do Val salienta que "a elección de Xela Arias como autora homenaxeada no Día das Letras foi unha alegría para nós. Supón dalgún xeito non só a recuperación dunha autora que queriamos reivindicar cando a fixemos A Nosa Señora das Letras, senón tamén porque é unha reparación histórica co discurso feminista na literatura galega que está aí desde Rosalía de Castro". Deste xeito, pásase dunha celebración sectorial como que desenvolvera a plataforma a situar a autora no centro do panorama literario. "Como a propia Xela Arias comenta nese marabilloso poema que é A de quen comprende, que lle dedica, Rosalía é o comezo da camiñada, unha camiñada na que tamén está ela. Desde a Sega valoramos a incorporación das mulleres ás Letras Galegas porque é unha maneira de asegurarmos que esta camiñada estea presente, que apareza todo o ronsel do feminismo que existe na literatura galega desde o seu inicio". Para este colectivo, "o que posibilita as Letras Galegas para Xela arias é visibilizar a súa obra. Durante anos a súa poesía estaba esgotaba, circulaba en fotocopias cando se sabía da súa existencia. Moitas veces nin facía parte das bibliotecas escolares nos institutos. Menos mal que en 2018 Xerais publicou ese traballo inmenso feito por María Xesús Nogueira (Poesía reunida (1982-2004)) onde estaba presente todo ese material. Iso foi fundamental para que esta obra chegase a autoras novas da poesía actual, porque moitas tampouco tiñan acceso a ela. Para A Sega é importante que se publiquen de novo os libros de maneira individual, que apareza Non te amola, porque abre as portas a unha narradora magnífica que só coñeciamos do relato Que si, que si da antoloxía de Contos Eróticos. Por certo, un relato do que non se fala nestas Letras".

As visións no ensino
Para alén da reedición de traballos, na Sega son moi conscientes do potencial que posúen os centros de ensino para divulgar e inserir na memoria colectiva as figuras que cada ano se homenaxean no Día das Letras. "Nós insistimos moito na importancia que ten o traballo nos centros de ensino e se pensamos nisto as Letras son importantes para recuperar a obra dunha autora como é ela". Segundo explica Do Val, ata o momento a autora non conseguira oco nos temarios de Literatura Galega. "O nome de Arias, como o doutras escritoras aparece nos libros de texto dentro do tema sobre a literatura a partir de 1976, pero sae nas marxes e en pequeno, conxuntamente con Ana Romaní. Pouco máis se di, mentres os poetas dos 80 quedan moi ben definidos, desde Xosé María Álvarez Cáccamo a Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés é a única que está aí, e Xela aparece en pequeniño cando aparece". Malia ás posibilidades que a celebración abre para dar a coñecer a autora, "tamén nos preocupa que ás veces desde o ensino se poden facer lecturas da autora demasiado dirixidas. A estas alturas da vida non se poden programar lecturas a por idades. Está a se pensar en achegar Darío a diario á mocidade porque semella o poemario máis fácil ou lexible, e iso reducir moito a obra. Pensamos que realmente a maternidade como tema dista bastante do que pode ter en mente un público adolescente. Sabemos que isto tamén vai depender sempre da vontade do profesorado, dos seus coñecementos e dos desexos que teña de achegar a obra da autora".

Entrar na obra
"O que pensamos desde A Sega é que o interesante e o importante é lermos a obra de Xela Arias, afondarmos na súa poesía e chegarmos a ese traballo por nós mesmas. Que dalgún xeito cada persoa se poña á intemperie e entremos aí, desde a nosa propia intemperie á intemperie das obras e da poética de Xela Arias. Iso sería marabilloso. O medo que temos é que se estea a achegar no ensino non a súa obra directamente senón obras que falan sobre todo da autora". No mesmo sentido, Do Val, advirte de que "pode achegarse un exceso de biografismo e non tanto ao mellor a obra literaria, que é o que lle gusta a calquera escritora. Temos un pouco de reservas por esa parte. Entón gústanos chamar a atención sobre que as autoras, ás veces ao escribiren din cousas e é interesante ouvir. Do mesmo xeito que Xela di "inmaculábante porque eras necesaria", non nos gustaría que agora se produza un proceso de "inmaculización" da autora. Gustaríanos que determinadas obras se lesen como o que realmente son. É o caso de Tigres coma cabalos, unha obra que abriu moitos armarios e moitas fiestras. É unha obra na que Xela Arias vai sumando diferentes eus. Do que non fala nunca a autora é das persoas como masa senón do respecto á individualidade de cadaquén, e isto é moi interesante".

Valores literarios
Sobre a cuestión de se os aspectos máis biográficos ou paraliterarios da homenaxeada poden tapar en certa medida a súa creación, o presidente da RAG ten claro que "o que vai quedar sempre é a súa obra literaria, con traballos como Tigres como cabalos, Denuncia do equilibrio, que ten moito valor, ou Darío a diario que é precioso, cunha intensidade emocional tremenda. En Intempériome que é un libro de madurez, como lle aconteceu a García Lorca con Poeta en Nova York, vese unha autora que se lanza a traballar coa lingua sen complexos a dialogar coas dificultades e as potencialidades do propio idioma, sen concesións. Manipula o idioma desde a creación para extraerlle todas as súas posibilidades. É unha madurez que ofrecía un horizonte de futuro moi rico". Á hora de destacar os méritos literarios da autora, malia ao escaso da súa produción, Freixanes destaca que "ás veces os autores non teñen que ter moita obra, senón unha obra intensa e reveladora. Hai autores na historia da literatura con un ou dous libros, e sobradamente xustificados". Deste xeito, a de Arias "é unha produción escasa pero intensa. Como poeta constrúe a literatura con moita esixencia e unha ambición literaria importante. Está no territorio da experimentación coa linguaxe e sabe que a literatura non é un territorio doado, mais de esixencia. Eu seino, porque traballei con ela, que era unha escritora que non entregaba o primeiro texto que tiña. Mesmo era moi avara na publicación propia. Se cadra porque sentía a responsabilidade de ser editora e ter que editar cousas dos demais, e non quería aproveitarse diso. Era unha muller que pensaba a literatura, e a súa en particular, como unha literatura de esforzo e de investigación. Entón os seus textos por veces non son cómodos para o lector. Pero cando un entra neles e os traballa, ao igual que aconteceu coas vangardas literarias de todas as literaturas, estamos diante dunha autora que se propón un desafío. Para ela a lingua era un desafío e a creación literaria era un problema a resolver. Hai artistas cómodos que traballan para o consumo e hai artistas que traballan para tentar construír algo diferente, e penso que ese era o caso de Xela".

Compromiso
A marcar aspectos destacados da homenaxeada, Do Val apunta "o seu compromiso coa palabra e coa estética. O compromiso coa arte, que a levou a abrir, explorar e indagar. O seu compromiso coa poesía. Tamén o seu compromiso social, que queda reflectido sobre todo en poemas como "A de quen comprende" ou o dedicado María Xosé Queizán, que é impresionante. Intempériome como unha especie de testamento poético onde queda moi claro o seu compromiso coa escrita de xénero e despois eses poemas que aparecen na Poesía reunida (1982-2004), que non están en ningún outro libro e teñen como fondo a solidariedade co pobo palestino ou a catástrofe do Prestige e a mobilización cidadá da que ela fixo parte con textos como Dignidade, Cadáver de Man ou Nunca máis, onde chega a preguntar nun verso `A que esperas fogar dos soños e dos rumorosos´. É moi interesante esa visión social", sinala, a concluír que "sobre todo hai que entrar na súa poesía".

Edición e tradución
Para alén o estritamente literario, o presidente da RAG destaca as outras áreas de actividades de Arias no ámbito cultural como parte fundamental da celebración. "Logo está a súa dimensión como editora, que non se pode separar doutras facetas. Ela implicouse na edición e viviu unha etapa moi importante do libro galego como foron os anos 80 e 90, cando se estaba a construír o edificio da produción editorial en Galicia. Houbo un importante crecemento da produción, apareceron novas firmas, e houbo un esforzo achegar ao galego obras da literatura universal. E aí apareceu unha nova dimensión de Arias que foi o seu traballo como tradutora. Era moi consciente de que cumpría dotar o sistema literario galego dos grandes textos da literatura universal, en particular orientados para o público novo. E implicouse moito, non só a traducir ela mesma, senón a solicitar traducións a outras persoas. A colección "Xabarín", que se creou con Luís Mariño en Xerais, tivo unha grande implicación de Xela. E logo a colección "Grandes do noso tempo" foi algo que construímos xuntos cando eu dirixía a editorial. Alí publicamos a Joyce, Camus, Calvino, Salinger… e ela estaba moi implicada no proxecto".

Lingua e didáctica
Sobre a perspectiva de Arias encol da relación da lingua galega con outras do mundo, o que foi tamén director de Xerais lembra "un diálogo con Jorge Amado a quen ela traduciu ao galego. Eu tiña algunha reserva porque eu dicía que un lector culto podería o ler en versión orixinal sen problema, e o mesmo era mellor levar o esforzo a traducir a Shakespeare, Schiller, Victor Hugo ou Manzoni. E Amado dicíame `se queredes chegar ao público e en particular ao infantil e xuvenil tedes que chegar no voso código sen pasar por outros´", explica Freixanes. "E Xela era moi consciente diso e tiña claro que o galego como lingua ten que se enfrontar a todas as linguas e a todas as obras que teñan algo que dicir. E entón traduciu do portugués, do italiano ou do inglés ou o castelán". A estas facetas a conmemorar suma aínda "a súa dimensión como profesora. Foi pouco tempo pero deixou unha pegada importante nos seus alumnos, como proba o premio co seu nome que mantiveron durante dez anos no IES A Sangriña da Guarda. Curiosamente o primeiro premio levouno Alba Cid, que este ano asina a biografía da autora que publica La Voz de Galicia".

Unha época
En grande medida, a homenaxe a Xela está se facer tamén retrato dun tempo decisivo para a cultura do país. Na celebración, recoñece Freixanes, "Está a súa condición de muller dun tempo. Isto tamén é importante. Carballo representaba o galeguismo do século XX, a ilusión previa á Guerra Civil e a frustración da mesma, a resistencia do galeguismo nos anos 50 e 60… Ao igual que Antonio Fraguas, que tamén representaba este tempo. Pero Xela, como lle pasaba a Lois Pereiro, é un momento diferente, está nunha xeración que nos anos 80, desde unh cultura urbana e globalizada, se reafirma no galego como unha lingua da contemporaneidade e que, como lingua do século XXI ten que dialogar con novas formas, culturas e discursos que están moi presentes en nós, como o pop, o jazz, e alén da música, as novas artes plásticas. É unha xeración diferente que representa a vitalidade dunha lingua que se vai renovando e enriquecendo. Todos estes aspectos dan unha dimensión da autora que penso que se percibe. A proba é a resposta que está a ter a celebración". Precisamente encol da época que Arias está a traer á actualidade, Do Val lembra que "cómpre que a sociedade actual e sobre todo a mocidade saiba que o mundo non é tal e como é hoxe. Nos anos 80 e nos 90 era diferente, e naquel momento as autoras, as mulleres que traballaban en política, en empresas, que estudaban carreiras, tiveron que loitar por conquistar cada un dos seus centímetros de espazo. Non podemos practicar este adanismo que hai na sociedade actual ás veces, cómpre entender como era a época. Queremos pór en valor o que significou levar a poesía e a palabra á rúa en festivais como foi o do Condado ou espallala en medios de comunicación como foron A Nosa Terra, Tintimán, Dorna ou Carel, que acolleron a creación e a poesía daqueles momentos. Tamén cómpre chamar a atención sobre que en 1983 saíu a revista A festa da palabra silenciada, que foi fundamental como motor de expresión poética de escrita feminina e espertou as consciencias para lermos desde o feminismo. Creou un movemento tal entre as mulleres que escribían que todas acabaron sendo referenciadas e participando na publicación, tamén Xela Arias. E moitas veces non aparece nos manuais e ensino. Pensamos que hai que revisar os anos 80, cando xa estaban a publicar escritoras que son hoxe fundamentais, unha xeración pequerrechiña da que falaba Xela Arias e dicía que ao mellor aparecía en vinte e cinco anos, como efectivamente apareceu".

Celebracións expandidas
Dentro das peculiaridades das Letras deste 2021 está a consolidación de xeitos de conmemorar que se incorporaron no pasado ano. "A grande novidade destes dous anos é o condicionamento pola pandemia. Isto obrigounos a facer un esforzo de imaxinación e traballo que levou a unha dotación de novos recursos para a Academia. Desenvolvéronse sobre todo as posibilidades das novas tecnoloxías e isto fixo que a celebración das letras vaia para alén das homenaxes presenciais e que se abrisen novos espazos ata o de agora estaban inéditos para nós. Non só no ámbito territorial galego senón tamén fóra, coa presenza e a colaboración de xente de Bos Aires, da Academia Brasileira de Letras, de Suíza, de movementos arredor da emigración en Bélxica, Londres, Barcelona, Madrid ou Barakaldo. Alí onde hai galegos, e sobre todo onde hai Centros de Estudos Galegos ou relacionados coa nosa cultura está a se ver unha capacidade de participación que antes non tiñan. Isto manifestouse moito no ano pasado, cando tivemos que apostar por estes formatos durante medio ano, e este ano está a ser igual. Estamos a potenciar moito o discurso audiovisual e mediático das novas tecnoloxías, as redes sociais, e hai unha resposta moi importante. O ano pasado houbo en total case trinta millóns e medio de consultas no web da RAG, a incluír o dicionario, e seguro que este ano estaremos por riba diso.

Inéditos
O único texto inédito recuperado neste ano de Arias tamén completa para Freixanes a visión sobre a súa figura. Segundo explica, Non te amola "son como unha especie de memorias dunha nena de nove anos que escribe, como o Balbino de Neira Vilas, pero ela conta as historias dunha nena de barrio. E resulta un libro moi bonito, sen rematar pero abondo amplo como para desfrutar dun universo moi estimulante". Malia a este lanzamento, o presidente da RAG desbota que vaian aparecer obras descoñecidas que acheguen novas perspectivas sobre a autora. "Ela era moi consciente de que cando un publica un libro é por algo, non para manchar papel. Tiña algúns libros e poesía inéditos que non quixo publicar, e agora a familia respecta iso e penso que fai ben". No entanto, a divulgación de textos difíciles de atopar, como a publicación de Muller e literatura por parte da RAG, "amosa a súa dimensión como ensaísta. É un traballo sobre a súa concepción da literatura desde a condición de muller. Esa condición de muller autónoma do seu tempo, muller nova que decide discutir a vida desde a súa propia identidade, sen complexos e coa forza da autonomía propia penso que lle dá un valor e unha significación importante á súa figura neste ano das letras. Pero no final van ficar a súa literatura e o seu discurso", conclúe.