Xela Arias: Un Día das Letras de proximidade

O diálogo coa súa obra e un grande peso da biografía da autora marcan a celebración deste 2021

O diálogo coa súa obra e un grande peso da biografía da autora marcan a celebración deste 2021
Imaxe da sesión de fotos de Tigres coma cabalos. O libro inclúe unha moi similar a esta acompañando o poema "III. Monólogo adicto". Autor: Xulio Gil. / Web da RAG
Afastada ata o de agora do recoñecemento institucional, o Día das Letras de 2021 supón a canonización dunha figura que, no entanto, leva desde o seu falecemento en 2003 a recibir homenaxes desde diferentes sectores da cultura do país. A proximidade biográfica da autora está a propiciar unha celebración na que predominan os diálogos coa obra de Arias, ao tempo que facilita a integración na festa de liñas temáticas pouco habituais.


A demora, por mor da Covid-19, con que a RAG tomou a decisión dedicarlle a Xela Arias o Día das Letras de 2021, apareceu como un condicionamento ineludible na celebración desde ano. O pleno da elección, celebrado ao final de decembro, tallou a reclamación desde diferentes colectivos sociais de continuar neste ano a homenaxe a Carballo Calero. Fronte á decisión, voces como a de Fran Alonso, director de Xerais, advertiron que o pouco tempo de preparación ía dificultar a produción cultural e o desenvolvemento de investigacións sobre a autora. Segundo advertía no seu blog ese mesmo mes, "para que se publiquen estudos, divulgativos, pero tamén rigorosos, profundos e á altura das circunstancias, é preciso, en primeiro lugar, buscar autoras e autores, e concederlles tempo para a investigación e posterior escrita dos libros sobre a obra e a figura á que se lle dedican as Letras Galegas. É un proceso que as editoriais comezan habitualmente no verán, cos pertinentes encargos literarios". A maiores, lembraba, "o proceso de edición, como sabe calquera persoa vencellada ao mundo do libro, precisa un mínimo de tres meses (e é un prazo demasiado apurado, que require un gran esforzo suplementario) para poder levalo a cabo nun tempo tan xusto". Cinco meses despois desta advertencia, resulta sorprendente o músculo co que a Cultura do país está a responder ao reto. O número de títulos e de producións xa anunciadas e presentadas arredor de Arias está á altura do doutras celebracións, e sucédense a unha grande velocidade. Documentais, exposicións, proxectos musicais e biografías atópanse nos anuncios cos que se está a conmemorar a autora.

Diálogos de proximidade
Nun sentido similar ao de Lois Pereiro, a propia cronoloxía de Arias, moi achegada aos nosos días, a proliferación de testemuños vivos sobre a súa figura ou o feito de ser unha autora fundamentalmente xove levan a que boa parte das aproximacións que se están a realizar cara a ela se dean desde unha clara proximidade e identificación, que posiblemente non serían posibles con figuras máis sacralizadas nas nosas letras. A rápida aparición dunha iniciativa como Xelárias, palabras á intemperie, con textos de Emma Pedreira e ilustracións de Laura Romero para Baía Editorial amosa esta perspectiva. Precisamente Pedreira comentaba na presentación da obra que "quero falar dunha poeta, que podería ser outra, que podería ser ata eu mesma e non, é Xela e eu con Xela ou Xela en min e, por aí, ando debullando o íntimo dos seus versos nos meus". Identificacións similares atópanse no proxecto O equilibrio dos extremos que desenvolveu o Consello da Cultura Galega a reunir doce voces da nova poesía do país a dialogar con versos da homenaxeada. A fusión e o diálogo son tamén a base da iniciativa Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias na que diferentes artistas plásticos desenvolverán ao vivo creacións arredor da figura homenaxeada na compostelá sala NUMAX ao longo do ano.

Fusións artísticas
Nunha liña relacionada, e a reflectir o propio interese de Arias na fusión de artes, a celebración propiciou a recuperación de Vencerse é cousa de se tratar o espectáculo multimedia que Arias estaba a preparar con Fernando Abreu no momento da súa morte. Unha mestura de poesía, música e danza que chega finalmente ao escenario a incluír vídeo, a voz de Mónica de Nut e os recitados que a propia Arias gravara no seu día para o proxecto. Outra iniciativa innovadora para a conmemoración, da man de Política Lingüística, é a proxección de imaxes e 25 edificios de todo o país arredor da celebración, nun formato Videomapping que se incorpora por vez primeira ao programa das letras.

Músicas
Nas propostas que se están a desenvolver acadan un particular peso os traballos musicais arredor da autora, facilitados polo peso maioritario da poesía na súa produción e acaídos ademais pola súa faceta como letrista para o grupo Desertores. A Banda da Loba foron as primeiras en anunciar un traballo específico, o EP Hasme oír, con catro poemas musicados e tres interludios musicais con recitados. Canda a elas, destaca tamén o anunciado proxecto de Eloi Caldeiro a adaptar dez poemas da autora co título Tigres en equilibrio. A estas propostas sumáronse outras iniciativas como a adaptación de poemas que se realizou no marco da iniciativa Jazzliza, a fusión de chelo e electrónica que desenvolveu Margarida Mariño, o vídeo de Pablo Vidal e Clara Pino ou o Certame convocado polo concello de Pontevedra que anima a musicar textos da obra de Arias. O propio Concerto das Letras que promove o Consello da Cultura Galega aposta polo xogo co traballo da autora, o campo sonoro e a fusión, cun proxecto no que Laura LaMontagne e PicoAmperio arman unha colaxe de versos da autora con música electrónica e videocreación.


Investigación e biografías
Queda por ver se o esforzo do sector cultural por dialogar e recrear o traballo de Arias se deixa tamén sentir na investigación sobre a autora, pendente aínda de se canonizar. A situación contrasta en particular cos últimos homenaxeados no Día, Antonio Fraguas e Carballo Calero, auténticos pesos pesados da cultura, con perfís moi similares e unha ampla produción cultural arredor das súas vidas e obras. Polo momento, e como acontece con outras figuras recentes, a posible falta de traballos de investigación está a se suplir coa abundancia de voces que achegan memorias e reflexións sobre a homenaxeada. Polo momento destaca a proliferación de biografías para diferentes publicos, como as que asinan Montse Pena, Yolanda Castaño ou Anxo Xoán Rajón, que abordan de xeito pioneiro o percurso vital da autora. María Xesús Nogueira, responsable da edición da Poesía reunida (1982-2004) da autora, pola súa banda, contribúe a estes lanzamentos con Xela Arias, os territorios da liberdade e mais De certo, a vida ía en serio obra na que recupera textos e entrevistas da autora para realizar un retrato desde as súas propias palabras. É de agardar que ao longo do ano, e en particular no simposio que como é habitual, promove a RAG no vindeiro outono, se multipliquen as achegas teóricas arredor da homenaxeada.

Vida e obra
A proliferación de biografías amosa outro fenómeno que está a aparecer arredor de Arias. Con Non te amola! como único texto inédito rescatado, a reedición da súa obra poética aparece como a principal produción editorial da autora. A súa relativamente escasa produción literaria, concentrada en catro poemarios e con múltiples colaboracións en fanzines e revistas, está a provocar que parte do foco da celebración se desprace a outras áreas da súa actividade, a xerar un Día das Letras que pon de relevo unha figura poliédrica.
Deste xeito, da man da autora celébranse, reivindícanse e pénsanse unha época e toda unha serie de cuestións que polo xeral non están presentes nesta celebración. Feminismo, activismo, fusión de artes, infancia, e mesmo os traballos paraliterarios da edición ou da tradución atópanse con profusión nas producións e eventos programados, outorgándolle á celebración un carácter de retrato xeracional que pon o foco na configuración do sistema cultural galego nos anos 80 e 90 do pasado século.

Tradución, edición e ensino
Deste xeito, a investigadora e biógrafa de Arias Montse Pena reivindica a importancia do labor da homenaxeada como editora, a sinalar que "posiblemente foi a primeira editora profesional en galego" desde Edicións Xerais. Un carácter pioneiro que tamén se aplica ao seu labor como correctora lingüística e na tradución. Esta posición levou a que Arias deixase unha importante pegada na normalización do galego, ao contribuír de xeito decisivo á fixación da lingua literaria, co impulso da lectura para público infantil e xuvenil que foi a Colección Xabarín, e en xeral co seu importante labor na translación para o galego de clásicos universais. Ademais, contribuíu á profesionalización deste ámbito, a participar activamente na Asociación Galega de Tradutores, facer parte do consello de redacción da súa publicación e promover a Biblioteca Virtual desta entidade, onde se recollen traducións abertas ao público. Tamén a súa experiencia como docente, mesmo breve, deixouse sentir, como dá fe o feito de que o IES A Sangriña de Tui, onde impartiu clases, convocase durante dez anos un premio de poesía co seu nome.

Infancia e mocidade
Para alén de que a súa temperá morte levou a que celebremos hoxe unha persoa nova, na figura de Xela teñen un especial peso a infancia e a mocidade. O seu temperán comezo literario xa na primeira idade quedou demostrado ao obter o premio do VI Concurso de Contos Infantís O Facho aos once anos. Ademais, a dupla recuperación da obra inédita Non te amola!, "biografía emocional" da súa infancia da man de Galaxia e mais da edición facsimilar que realiza o Consello da Cultura Galega, así como a exposición Aquela nena de Sarria que o colectivo Exeria puxo en marcha e que está a xirar por todo o país celebran de xeito particular ese período vital. A isto súmase a importancia xa comentada do seu traballo no desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil galega á hora de falarmos desa conexión con este público. Cómpre lembrar tamén que foi unha das primeiras autoras en abordar a experiencia da maternidade nas nosas letras na obra Darío a diario.

O peso da imaxe
Unha das peculiaridades arredor de Arias, que adquire especial importancia na celebración, é a existencia dun importante arquivo fotográfico de retratos. De feito, nas celebracións inclúense, de xeito inédito, a publicación de galerías fotográficas en liña ou a exposición e publicación de Xela arias. A poesía do retrato a partir destas imaxes. O interese por esta arte de Xulio Xil, que durante anos foi a súa parella, documentou polo miúdo a vida da autora, con abondosos retratos e instantáneas da vida da creadora. A isto súmase o proxecto conxunto poético-fotográfico Tigres coma cabalos, unha proposta inédita no panorama editorial galego dos primeiros anos 90 tanto polo seu formato como polo tratamento da sexualidade nas letras, e que ve agora unha nova edición.

Audiovisuais
Malia a escaseza de tempo para desenvolver os proxectos, non faltan producións audiovisuais arredor da autora. Na súa maior parte trátase de produtos cun grande peso de entrevistas e serializados para súa publicación nas redes. Así, a Academia desenvolveu da man da produtora Miramemira a A palabra esgazada primeira serie documental sobre unha figura das Letras promovida desde a entidade. En seis capítulo de dez minutos, a produción repasa diferentes aspectos da vida e da obra da autora. En paralelo a esta iniciativa, e a seguir a liña de anos anteriores, viron tamén a luz no web da institución os vídeos de Onde canta a poeta a recoller "testemuños de quen coñeceron a autora xunto a novas olladas e recitados dos seus escritos de académicos e académicas, persoeiros do mundo da cultura, mozos e mozas e cidadáns e cidadás de distintos perfís profesionais". Este formato de testemuños foi tamén o escolleito pola Deputación de Lugo para a súa serie Outras voces para as letras de Xela realizada por Chantada Audiovisual, e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que está a publicar de xeito diario ao longo do mes de maio as pezas Unha palabra para Xela, artelladas tamén a partir de voces que coñeceron a autora ou que len fragmentos do seu traballo. A estas producións súmase aínda o proxecto Vencerse é cousa de tratar, documental que dirixe Valeria Pereiras. A produción retrata a figura de Arias co proceso de elaboración dun mural de Mon Devane coa súa imaxe como fío condutor. Pola súa banda, Xela arias, poeta nas marxes é o título do proxecto audiovisual que dirixiu Beatriz Pereira con Daniel Chapela como coguionista a partir do seu traballo fin de grado en Comunicación Audiovisual.

Artes escénicas e recitais
Un ámbito que non está a conseguir unha grande presenza na celebración son as artes escénicas. É de supor que a dificultade para adaptar a estes formatos unha produción basicamente poética, ademais do escaso prazo para desenvolver proxectos deste tipo poden explicar a situación. Destaca así a proposta de Caxoto e A Trastenda dos Contos que con Xeliña fala galego "visita a figura da autora dende a súa experiencia como neno que viviu esa década compartindo eses mesmos referentes", segundo explica a presentación dunha obra que mestura "lembranzas, historias de vida, contos e cantigas". Pola contra os recitados están a aparecer, como non, como unha das conmemoracións máis habituais neste ano, co engadido da súa retransmisión polas redes en grande parte dos casos. Así, o Ateneo Atlántico de Vigo desenvolveu xa en marzo a súa homenaxe nesta liña, mentres a Fundación Rosalía de Castro recuperou para a ocasión o formato poético-musical "Daquelas que cantan" en cuxa primeira xeira participara a autora.

Desde as marxes
En boa medida, as celebracións que a sociedade está a dedicar a Arias veñen marcadas polas anteriores homenaxes que se lle renderon á poeta. Os actos polo seu primeiro cabodano, coa edición dun libro colectivo na súa honra e dunha compilación da súa obra poética, a institución do Premio de Tradución da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación que leva o seu nome desde 2018 e, en particular, a dedicatoria do Día das Galegas nas Letras da plataforma de crítica feminista A Sega sentaron as bases das perspectivas coa que se celebra a autora neste 2021. Este mesmo mes de marzo o colectivo o Arquivo das Trasnas apostou por Arias para lle pór imaxe á xornada Literatura nas Marxes, dedicada aos eixes da "reivindicación da muller como suxeito pleno, a desmitificación da maternidade e a literatura con personaxes LGBTIQ+", e dedicoulle unha mesa á propia autora. Esta perspectiva de Arias como figura a reivindicar desde a periferia do sistema literario amosa en boa medida o ton que poden ter estas celebracións. A mesma entidade, apostou polo formato fanzine para homenaxear a autora, na obra colectiva Xela Arias. Poeta nas marxes, coordinada por Daniel Chapela.

Fitos habituais
Canda a todas estas iniciativas, continúan propostas habituais polo día das letras. A exposición monográfica organizada pola Xunta, o Pleno da RAG en Vigo ou as actuacións promocionais de empresas como Feiraco, Gadis ou Eroski mantéñense fronte a problemas por prazos e pandemia. Tamén se desenvolven edicións especiais sobre a autora por parte de publicacións como Luzes ou Tempos Novos ademais dos diferentes xornais. No ámbito escolar, mantívose neste comezo de ano a destacada produción de proxectos arredor da autora, como o xa clásico Telexornal das Letras do CPI dos Dices de Rois, podcasts, vídeos, certames ou actuacións de todo tipo. Ao igual que en 2020, as redes manteñen un peso importante na celebración, a acoller retransmisións de eventos ao vivo, con adaptacións de formatos a este medio ou producións específicas.

Institucións e lugares
Unha singularidade da homenaxe é a ausencia, por vez primeira en anos, dunha entidade coa que a RAG comparta a responsabilidade das celebracións. Fronte ás fundacións e entidades que en celebracións anteriores dialogaban coa institucións na efeméride, a RAG queda neste 2021 á fronte das homenaxes, a contar iso si, coa familia da autora como testamenteira do seu legado. Sarria, vila da infancia de Arias, e mais Vigo concentran os eventos institucionais e fan parte destacada das programacións deste ano. Desta volta chama a atención a desaparición do formato dos roteiros temáticos guiados arredor da autora, que proliferaron nos primeiros meses de 2020 a conmemorar a Carballo Calero. Desta volta, posiblemente por influencia da pandemia, non se están a promover moitas destas actividades, co exemplo destacado de Santiago de Compostela neste campo, que integrou unha destas propostas nas súas festas da ascensión. En relación a isto, a presenza da artista no espazo público amosa a súa canonización pendente. Este mes de abril Sarria incorporaba por vez primeira a artista ao seu rueiro, a acompañar a placa dun mural dedicado a ela. Vigo anunciou a súa intención de seguir esta liña ao que sumará a instalación dunha placa no que foi o domicilio da poeta. Carballo prepara tamén unha homenaxe nas súas rúas, unha liña que antes desde 2021 só desenvolvera o Concello de Cullleredo.

Achégase pois un Día das Letras diferente do habitual, con perspectivas periféricas, liñas temáticas inéditas na celebración e marcado aínda pola pandemia. Queda por diante a segunda parte dun ano no que a investigación aparece en grande medida como ámbito pendente arredor de Arias e o reto de que a obra non fique esluída ante o peso que está conseguir a figura homenaxeada.