Diálogos na corda dos poemas

Doce voces da poesía nova establecen unha conversación con Xela Arias no proxecto 'O equilibrio dos extremos'

Doce voces da poesía nova establecen unha conversación con Xela Arias no proxecto 'O equilibrio dos extremos'
O equilibrio dos extremos é un contido especialmente deseñado desde o Consello da Cultura Galega (CCG) para a súa web institucional co gallo do Día Internacional da Poesía, este pasado 21 de marzo. Ao fío do nomeamento de Xela Arias como figura homenaxeada do Día das Letras 2021, o CCG presenta un diálogo literario entre algunhas das máis novas voces poéticas da lingua galega e a autora viguesa abrindo así tamén os actos do Día das Letras. Este diálogo establécese entre as propias obras, xa que non podemos contar coa presenza da desaparecida Xela, máis si coa voz poética dos seus escritos. Doce poemas da autora conversan con outros tantos poemas creados con esa intención por 12 escritoras e escritores convocados pola institución.

O dicionario da Real Academia Galega contempla ata catro acepcións para o substantivo masculino 'Diálogo' ademais do sinónimo "Conversación". A primeira, a evidente, indica que é unha "Conversación entre dúas persoas ou máis", deixando xa claro que é algo que non pode levar a cabo un suxeito en solitario, outra fai referencia ao valor de acordo que o acto contén, a terceira indica que se trata dun conxunto de palabras que intercambian os personaxes dunha obra de teatro, de cine ou dunha novela e a cuarta é a que o define como unha obra de creación literaria en si mesmo: "Obra literaria en forma de diálogo". É a esta derradeira acepción á que lle acae talvez máis e con todas as reservas (toda vez que só se produce un intercambio sen máis respostas ante a ausencia de parte) ao proxecto O equilibrio dos extremos, que toma o seu nome dun poema da propia Xela Arias e que crea unha nova obra de valor propio.

Coa fin de levar a cabo este recital poético non presencial convidouse por parte da institución cultural a 12 poetas novos, oito mulleres e catro homes de entre 23 e 39 anos, a escribir un poema inédito en conversa con outro poema de Xela Arias de escolla libre. Berta Dávila (Santiago, 1987), Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), Alicia Fernández (Escairón, 1987), Gonzalo Hermo (Taragoña, 1987), Lois Alcayde Dans (A Coruña, 1997), Antón Blanco (Carril, 1996), Miriam Ferradáns (Beluso,1982), Arancha Nogueira (Ourense, 1984), Tamara Andrés (Combarro, 1992), Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988), Oriana Méndez (Vigo, 1984) e Alba Cid (Ourense, 1989) son as doce voces poéticas que levan a cabo este encontro coas obras de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003). "Quixemos facer confluír neste abrente primaveral, o inicio dos actos de homenaxe do Día das Letras Galegas e facelo cun aceno ao espírito de Xela de atender ás vangardas e darlle unha oportunidade á xente nova de atoparse coa súa obra" apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

"HAI UNHA MÍSTICA EN XELA QUE ENVOLVE A SÚA FIGURA COMA AUTORA E COMA PERSONAXE TAMÉN". LOIS ALCAYDE


Escoller é contactar
No ano 1986, con 24 anos, Xela Arias publica o seu primeiro libro de poemas Denuncia do equilibrio (Eds. Xerais), sería o primeiro de catro libros de poemas, o derradeiro no mesmo ano da súa morte. Dous dos poetas que participan desta acción do CCG non chegan a esa idade e do resto tampouco ninguén alcanza á idade que tiña Arias no momento do seu inesperado falecemento aos 41 anos. O feito de que a poeta homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021 fose coetánea de todos eles ten como efecto que o achegamento á súa obra non se produciu a través dos sistemas educativos, cousa normal cos poetas posteriores ao principio do anos 80 que non chegan aos centros de ensino, non sendo polos seus propios pes. Polo tanto Xela chegou ás súas mans sempre por vías diferentes, persoais en moitos casos e de xeito moi recente nalgúns deles.

Para Lois Alcayde, un dos máis novos desde proxecto, o primeiro contacto coa obra de Xela produciuse apenas fai tres anos, cando el contaba 20, e a través da súa propia nai. Alcayde seleccionou o poema sen título desa primeira obra Denuncia do equilibrio dunha Xela case da súa idade, para propor o seu Unha nova atea. Alcayde seleccionou estes versos, dos primeiros do libro ao ver apreciar neles unha das características que para el definen a obra de Xela Arias. "Parecíame cheo de mística", di Lois e asegura que na autora "hai unha mística nela que envolve a súa figura coma autora e coma personaxe tamén". Para el no poema Xela fai "unha construción roqueira e iconoclasta, coma unha sinfonía" pola que se viu atraído. Alcayde ve nela unha mística semellante á da poesía española dos séculos XVI e XVII, "que trascende o corporal, que está por riba do corpo e vai máis alá", asegura.
POETAS PARTICIPANTES EN 'O EQUILIBRIO DOS EXTREMOS'  Web CCG
POETAS PARTICIPANTES EN 'O EQUILIBRIO DOS EXTREMOSo

O xeito de escoller os poemas cos que establecer ese diálogo foi completamente libre de acordo coas condicións establecidas pola institución, e dese xeito houbo tantas maneiras de escoller como autores convidados. As escollas son moi diversas e axudan a percorrer o legado poético da autora. Intempériome (Espiral Maior, 2003), poemario que acabou sendo o testamento literario involuntario de Xela Arias, é a obra que máis motiva a moitos destes novos creadores. Diferentes textos inspiraron a Alba Cid, que escribiu Lava, luz de Bengala; Berta Dávila, que compuxo A froita; máis a Alicia Fernández e Ismael Ramos que escribiron cadanseu poema sen título. Gonzalo Hermo confronta o II. Monólogo adicto do libro De tigres coma cabalos(Xerais, 1990) cunha composición titulada A rabia; mentres que Tamara Andrés elixiu Vente para o que creou Huis clos. Parte da obra de Xela espallada en publicacións periódicas tamén está presente como primeira palabra deste "diálogo" en varios casos deste proxecto. En 1994 publicou no Boletín Galego de Literatura o poema Soldados sobre o que traballou Antón Blanco para compoñer Dos ximnetes nas cuíñas a quen lles descía polos ollos unha sombra de caeren mortos. Desa mesma fonte, a partir dun poema sen título, sae o que inspirou a Arancha Nogueira a compor Espazo en branco. Da revista Dorna, Rosalía Fernández Rial escolleu Que lugar que a inspirou a escribir Onde aplaque a marea.

"O QUE ESCOLLÍN RESULTOUME MOI EVOCADOR. XELA SITÚA A VOZ POÉTICA NUNHA XANELA EN EN ABRIL. ISO LEMBROUME MOITO A SITUACIÓN QUE LEVAMOS VIVINDO ESTE ANO, DE ESTAR RECOLLIDOS NA CASA, INTERIORIZANDO" M. FERRADÁNS


Miriam Ferradáns recoñece "ter fuxido dos poemas máis habituais" da autora á hora de escoller aquel ao que contestar. Decantouse por un publicado en A Nosa Terra en 1984, Na xanela desde abril para escribir a súa Na xanela desde marzo. "O que escollín -di Miriam- resultoume moi evocador. Xela sitúa a voz poética nunha xanela e en abril, case o mes no que estamos, iso lembroume moito á situación que levamos vivido este ano, de estar recollidos na casa, interiorizando. Poderíase dicir que eu non escollín o poema, escolleume el a min", afirma. O que elixiu Oriana Méndez foi publicado en 1983 no Faro de Vigo, sen título. Oriana, que xa estaba familiarizada coa obra da poeta non se fixara nunca neste en concreto e foi a través das redes sociais fai apenas un mes como chamou a súa atención. En concreto, segundo Méndez, foi a través dun twitter publicado por Manuel Bragado coma o coñeceu. "Interesoume especialmente, sentinme identificada de inmediato con algunhas das metáforas e imaxes desde poema", asegura Oriana.

Arquitectura da conversa
Tras da escolla chegou a creación para estas doce voces. Un proceso no que eles concordan co axeitado do termo "diálogo". Ferradáns ve unha adecuación total a ese marco de relación entre o Na xanela desde abril de Xela e o seu Na xanela desde marzo. "O que eu fixen corresponde completamente ao concepto de diálogo", asegura, "ela cóntanos unha situación e eu podo respondela coa miña propia experiencia a través dun fío de confianza". Lois Alcayde considera que o diálogo é a base da cultura e de toda creación cultura e polo tanto este tamén foi o caso, "foi un diálogo en canto a proceso de construción e elaboración", di o escritor, apuntando ás semellanzas entre a poesía coa arquitectura coma un relato da realidade. "É unha construción que dialoga -di Alcayde- porque a base do diálogo é entender como se relaciona o outro coa natureza e co seu arredor".
pe de foto
Xela Arias Foto:CCG

Para Oriana Méndez o proceso levado a cabo por ela en relación ao texto orixinal de Xela Arias adecúase á definición de diálogo, pero nun termo moi amplo. "Podemos chamarlle diálogo -reflexiona Méndez e matiza-, eu profundei no poema e escribín, non en resposta pero si en relación con ese texto e co que conta e tamén para a propia Xela. Directamente coma unha homenaxe para ela". Oriana é a única das doce voces que participan neste Equilibrio dos Extremos que ten en común con Xela Arias a conexión viguesa. Ela o é de nacemento, mentres que Arias foino de adopción "pero tamén de decisión", di Oriana. Á hora de abordar a súa propia creación a conexión viguesa tamén estivo presente "Escollín algunhas das metáforas do poema, imaxes e palabras concretas e tróuxenas para min. Creei a partires do que elas me suxerían e quixen levar o texto cara Vigo", confirma como elemento de conexión entre ambas e identificación, "non só porque as dúas sexamos de Vigo, senón que pola súa maneira moi libre de ser encaixa cunha interpretación de Vigo coa que concordo, moi libertaria. Hai un espírito vigués de cultura 'underground' que ten moito que ver con Xela e co que eu me identifico".

Conexión polas marxes do sistema
Na biografía Xela Arias. Declárome inconforme, asinada por Ana Romaní para a Real Academia Galega, sinálase xustamente a importancia desa cultura urbana no percorrido da autora a primeiros dos 80: "Lonxe das aulas universitarias comeza a publicar os seus primeiros poemas inmersa na vida urbana dunha cidade que nos anos oitenta experimenta unha profunda transformación. De noite a cidade desborda unha eufórica vida cultural, a ritmo de rock, de pop, de punk, de accións poéticas, fanzines e concorridos locais alternativos. A moda, o deseño, grupos de teatro, colectivos artísticos e medios de comunicación conflúen no perfil dunha urbe que fai gala de modernidade ao tempo que toma as rúas en masivas manifestacións contra a reconversión naval e amosa o seu carácter de cidade obreira". Nesa liña concordan estes autores novos que ven nesa escolla unha clave de identificación coa desaparecida escritora. "Aí podo identificarme", di Miriam Ferradáns, referíndose á querenza de Xela Arias pola noite, a música e os músicos: "Ela chega a dicir que lle interesan máis algunhas letras de rock que as dos poetas coetáneos", co que ela atopa similitude propia a maiores de compartir un eu poético feminino e feminista.

ORIANA MÉNDEZ:"SÍNTOME MÁIS HERDEIRA DE XELA QUE IDENTIFICADA CON ELA"


Para Lois Alcayde toda esa actitude de Xela, que atopa na súa obra, ten moito tamén que ver co propio concepto do diálogo e resúmese nun "impulso de curiosidade por coñecer o entorno", que se expresa tamén a través do interese en mesturar disciplinas co que o propio Alcayde non ten dificultade en identificarse e conectar coa autora. "O diálogo con outras disciplinas que está implícito na súa obra ou explícito coma no caso de Tigres coma cabalos (1990, Xerais), coa fotografía. Síntome identificado con iso", explica. Nesa experimentación e transversalidade tamén atopa liñas de conexión Oriana Méndez coa obra de Xela Arias. "Identifícome co camiño que ela abre de experimentación na poesía, como adiantada ao seu tempo fai propostas de vangarda e diálogo con outras artes, que eu tamén seguín e me interesan moito", di. Oriana en todo caso ve máis unha correlaciónde débeda cara a Xela que un propio reflexo: "En realidade síntome máis herdeira dela que identificada con ela".

Un formato á medida de Arias
No site institucional do CCG figuran xa os poemas de Xela escollidos por estes doce poetas e as creacións novas, tanto por escrito coma nas súas voces, recitando tamén o poema de Xela Arias co que dialogan. Ademais, dentro deste Equilibrio dos extremos ofrécese unha videocreación da produtora Miramemira que fusiona o material e cobra unha nova dimensión. O resultado é unha peza audiovisual de seis minutos de duración que condensa a esencia desta ducia de creadores e creadoras a propósito dunha das voces máis renovadoras e vangardista da poesía galega como foi Xela Arias. "Sospeito que a Xela lle tería gustado polo moito que a ela lle gustaba a exploración", di Oriana Méndez ao falar deste proxecto proposto desde o Consello da Cultura Galega que cualifica de "moi lúcido". No mesmo sentido apunta Lois Alcayde: "Vexo moi importante levar a cabo accións deste tipo, que vaian máis alá das homenaxes e fagan un recordatorio en positivo". Para o escritor este formato tamén consegue, a partires da obra da autora ausente, crear unha conexión entre todos os participantes, un novo tipo de diálogo engadido ao inicial que transcorre transversal entre elese que os une a todos, incluíndo neses extremos á autora ausente. "Tecer rede e tecer colectivo é moi necesario, facer ese exercicio de escoitarnos uns aos outros, e incluso, coma neste caso, aos que xa non están".