Álex Mene faise co premio de poesía Concello de Carral

O seu primeiro poemario, Os puntos do impacto, foi seleccionado polo xurado do certame

Alex Mene. Fonte: Web do Concello de Carral.
Alex Mene. Fonte: Web do Concello de Carral.
O Concello de Carral daba a coñecer este 4 de maio o fallo da vixésimo cuarta edición do seu certame de poesía. O vigués Álex Mene impúxose nesta convocatoria co seu primeiro poemario, Os puntos do impacto, que lle reportará 2.500 euros e será publicado pola editorial Espiral Maior. O fallo do xurado destacou da obra o ter un “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.


O xurado do galardón estivo composto polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida, Manuel López Rodríguez (gañador da pasada edición), Inma Otero, Luciano Rodríguez Gómez e Carlos Lorenzo, técnico municipal de Cultura, en calidade de secretario. O acto de entrega desenvolverase o 28 de maio e servirá para presentar o libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a anterior edición do certame.