A Xunta convoca cinco empresas para achegar ideas ao Hub audiovisual

O presidente reuniuse con representantes de Portocabo, CTV, Vaca Films, Ficción Produccións e Bambú

Encontro de Feijoo con representantes de empresas audiovisuais
Encontro de Feijoo con representantes de empresas audiovisuais
Comezan os movementos para pór a andar o Hub de Industrias Culturais e Creativas que anunciou a Xunta para este 2021. O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo reuniuse este 26 de abril con representantes das que a Axencia Galega das Industrias Culturais define como "principais empresas de referencia no eido audiovisual". Portocabo, CTV, Vaca Films, Ficción Produccións e Bambú foron as cinco produtoras que fixeron parte deste encontro, no que puideron achegar propostas para o Hub xa anunciado pola Xunta.


Na xuntanza, segundo a nota da Agadic "avanzouse no deseño do hub audiovisual, un proxecto ao que o titular do Goberno se referiu como unha peza clave para consolidar a industria na Comunidade". O proxecto do Hub conta cun orzamento de 9,6 millóns de euros de fondos REACT da Unión Europea para loita contra a crise derivada da actual pandemia. Destes, segundo figura nos orzamentos da Xunta, 6 millóns irán destinados a edificios e instalacións para a nova entidade.

Segundo apuntou a Agadic "a previsión é desenvolver este hub ao longo de toda a lexislatura co obxectivo de colaborar este mesmo ano co financiamento dos mellores proxectos para así seguir consolidando a boa imaxe que a industria cinematográfica galega ten na crítica nacional e internacional". Do mesmo xeito agárdase que esta proposta, aínda por concretar, contribúa á "mellora da competitividade de outras empresas culturais e xerará novos postos de traballo".