A cancelación do Resurrection Fest ata 2022 xa está confirmada

A organización anuncia o adiamento e creara unha plataforma de reventa de entradas

16/4/2021 | Santiago. Redacción | Seccións: MúsicaEspectáculos
29 lecturas | Compartido 0 veces

Porta de acceso ao Resurrection Fest. Edición 2018 Foto: Resurrection Fest

Unha tras outra, sen demasiada sorpresa, as citas máis multitudinarias van caendo dos calendarios como xa pasara no 2020. Os avances na situación pandémica non permiten predicir a posibilidade de levar a cabo este tipo de eventos este ano e por tanto resulta imposible a súa preparación, con especial impacto no sector dos festivais musicais. Se fai pouco era o festival Portamérica o que anunciaba o seu aprazamento ata o ano 2022 agora é o Resurrection Fest o que comunica que a súa 15ª edición realizarase do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2022, na fin de semana habitual dos últimos anos. Este ano a organización renuncia en principio a levar a cabo calquera adaptación en formato semi-presencial, como intentara o pasado 2020 véndose obrigados a cancelalo cuns poucos días de antelación ante a prohibición do concello de Viveiro, pero adiántalle aos seus seguidores que ten "unha gran sorpresa" para este 2021, que revelará máis adiante. As empresas organizadoras de Rescurrection fest e Portamérica son tamén, en UTE, as que organizan o festival O Son do Camiño en Santiago, poloc al é de agardar novas na mesma liña sobre este evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
No seu comunicado, a empresa organizadora do festival de rock en Viveiro amósase esperanzada de cara ao 2020 para a volta á normalidade "xa que por fin vese a luz ao final do túnel grazas á vacinación masiva", sinalan. Segundo a empresa ao cargo do Resurrection Fest, na edición de 2020 haberá un cartel artístico "similar ao de 2020 e 2021, mantendo moitísimas das bandas e con novas sorpresas. Será un dos mellores carteis que xamais tivemos", aseguran. O festival agradece a confianza e fidelidade do seu público, comprobada no número mínimo de peticións de devolución que tiveron o pasado ano. Todas elas serán válidas para o seguinte ano pero tamén será posible solicitar a devolución. Ademais anuncian a creación dunha plataforma propia do festival para poder revender "éticamente e de maneira segura" as entradas a través deste sistema.. O Resurrection fai un chamamento para que "na medida do posible" a xente garde as entradas mercadas,"para que o festival poida seguir adiante con forza e facer a edición máis épica de nosa historia".

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
1 lugar identificados