Os tópicos que deixou o NO-DO

A antropóloga Beatriz Busto achega unha listaxe de elementos que incorporamos á nosa cultura desde o franquismo

A antropóloga Beatriz Busto achega unha listaxe de elementos que incorporamos á nosa cultura desde o franquismo
Fotograma do documental Galicia y sus gentes do NO-DO. Fonte: Web de RTVE
Un país verde, melancólico, de xentes sinxelas, con raíces celtas, rural e no que se come en abundancia. Esta descrición, que moita xente identifica de inmediato con Galicia, exemplifica algúns dos tópicos cos que o franquismo caracterizou o noso país e que continúan vivos. A antropóloga Beatriz Busto, que acaba de publicar Um país a la gallega. Galiza no NO-DO franquista, achéganos un repaso polos tópicos que herdamos das producións audiovisuais da ditadura.



Beatriz Busto fala sobre o libro

O Noticiero Documental (NO-DO) foi durante anos a base da propaganda audiovisual do franquismo. Para alén dos boletíns de actualidade que se proxectaban de xeito obrigado nos cinemas, distintos filmes documentais ou a revista cinematográfica Imágenes transmitían ao público de todo o Estado a visión que o réxime consideraba axeitada en cada momento. Dentro das perspectivas que estas producións achegaban incidíase nunha serie de ideas sobre como eran as diferentes rexións, entre elas Galicia. O peso que acadaron estas proxeccións conseguiron asentar, tanto dentro como fóra do país, unha serie de tópicos que aínda hoxe nos seguen a definir como colectivo. A partir da súa tese de doutoramento, a analizar o emprego do folclore galego nestes noticiarios, a antropóloga Beatriz Busto Miramontes acaba de publicar na editora Através o volume Um país a la gallega. Galiza no NO-DO franquista, no que repasa esta narrativa sobre o xeito en que somos.



O documental do NODO Galicia y sus gentes. Ayer y hoy de las tierras meigas de 1951 é un exemplo paradigmático das ideas sobre o noso país durante o franquismo

O discurso
Segundo a autora, o discurso franquista sobre o noso país "está moi inoculado. Atópase en circulación no noso propio xeito de considerar o que somos. Segue a se vender un folclorismo subalternizador do país, atópase por exemplo en moitos anuncios publicitarios. É o que eu chamo galaiquismo, e amosa esa idea inconscientemente estereotipada sobre nós mesmos que segue en circulación", explica Busto. "Semella que vivimos encarcerados en tópicos, que nun mundo tan global a distinción identitaria pasa pola supervivencia duns tópicos que alimentan a subalternidade. A min preocúpame porque por fóra da subalternidade están o empoderamento e a normalización, e propoño reflexionar sobre isto" sinala. Na súa análise atopou que "os tópicos e os estereotipos que están no NO-DO correspóndense con adxectivos que se lle aplican a Galicia no discurso do programa. Cando aparece, como outros lugares, hai unha serie de adxectivos cualificativos que se empregan para falar do país, e aí están xa todos os tópicos. Eu tento de ordenalos, analizalos e ver a narrativa concreta sobre o país que hai detrás".

Unha listaxe de tópicos

1.A Arcadia
"Para min o adxectivo que agrupa todos os demais é que Galicia se presenta como arcádica. Case todos os demais tópicos están vencellados con este primeiro. O país aparece como un territorio conxelado, no que o tempo non acontece, situado nunha realidade mítica e intocable. Cando ves o NO-DO dos anos 50 podes atopar material rodado dez anos antes, e aparece sempre a mesma Arcadia. Dáse unha sensación constante de atemporalidade, ata os anos 60, en que o proxecto de Fraga de maquetar un Estado máis moderno comezou a amosar unha Arcadia visitable, de interese para o turismo.
Agora semella que hai certo pánico por perder esa idea arcádica do país, como se supuxese perder a identidade, cando a identidade está se construír e reconstruír de xeito continuo. Por mor desta realidade que sufrimos existe un medo a perder todo isto que manca. Aí atópase unha idea totalmente mítica do rural que se mantén".

2.Esencial e primitiva
No NO-DO "preséntase unha idea de Galicia esencial e primitiva. Amósase un pobo esencial en termos naturais. Hai aí unha perspectiva de inmutabilidade, se Galicia é naturalmente así, está condenada a ser sempre así, segundo este discurso. Isto está moi arraigado na construción cultural do país, tanto a nivel folclórico como lingüístico, de comportamento social ou ritual.

3. Celta
En relación a esta perspectiva primitiva "Está esa vinculación co celtismo, que xa abordou Helena Miguélez-Carballeira en Galiza, um povo sentimental?. Este vínculo primitiviza e asocia o país cun pasado mítico das tribos celtas estrañamente guerreiro. O franquismo quere demostrar que os pobos da Península eran tribos fortes antes do feito diferencial e civilizatorio que foi para eles o cristianismo. Por iso tenta construír un pasado mítico para os diferentes territorios, e o celtismo emprégase ao falar dese pasado guerreiro, pero non con afán diferenciador. Isto sérvelle tamén para desactivar esta conexión celta a nivel identitario ao integrala no seu propio discurso".

4. Sen malicia
"Conectada coa idea do primitivo está tamén a de inxenuidade. Fálase do galego como un pobo sen malicia, un pouco na idea do bo salvaxe. Así, preséntase un colectivo de salvaxes bos, inxenuos, en estado natural e sen corromper. A nosa sería unha inxenuidade por non alteración, propia dun estado anterior da evolución. Ao franquismo isto sérvelle como exemplo moralizador para toda España".

5. Virxe
"Aparece unha idea do territorio virxe, como se a paisaxe estivese inalterada e en estado salvaxe. Isto é algo que segue a estar en circulación, mesmo a promoción turística galega actual explota esta idea. Semella que o territorio está inalterado cando está plantado de eucaliptos por todas partes. Ningún territorio é virxe, todo está alterado. No NO-DO o territorio representa como é a xente e á inversa, hai unha retroalimentación".

6. Poética e feminina
"Galicia preséntase como poética, doce e alegre. Tal e como sinalou Helena Miguélez-Carballeira, poténciase a idea feminina do país, que se ve como unha musa. Aínda que isto contradí a idea do celtismo guerreiro, ela analiza o xeito no que este celtismo foi empregado como feminización. Cómpre ter en conta que o franquismo como réxime non era en absoluto coherente consigo mesmo, nin sequera se pode considerar unha ideoloxía. Esta é unha de tantas contradicións, a presentación de territorios feminizados fronte a un estado poderoso, vertical ou masculinizado, mesmo que isto non case ben co pasado mítico e céltico. Tamén acontece con Euskadi, por exemplo. Ese símil do feminino fronte ao masculino é un indicativo de subalternidade".

7. Unha fala folclórica
"Hai no NO-DO un uso da lingua galega que me parece do máis perverso. A través dun idioma que nos é propio faise subalternidade. Chega a sorprender que no NO-DO se empregue o galego, pero se o analizamos vemos que se emprega a lingua como unha característica folclorística máis, como a muiñeira, a empanada, o polbo ou o viño do ribeiro. Non ten a condición de lingua con potencia simbólica e identitaria. Como moito é unha fala propia desa tribo primitiva e sen malicia, unha fala poética, choromiqueira. Aparece o acento como un lamento, a idea que cantamos e choramos ao falar. Emprégase para tipificar personaxes que aparecen ante a cámara de xeito moi perverso. Por exemplo no ano 51, vense mulleres nunha feira que están a ser dobradas por locutoras de Madrid en galego, mesmo con fonética galega, cun diálogo inventado no que non se di nada. É un xeito de secuestrar voces, a través do propio idioma, como aparato para dotar de veracidade o propio NO-DO. Amósanse auténticos títeres a usar o seu idioma na imaxe ou para ler poemas rosalianos ou como moito de Curros Enríquez, nun exercicio horrible de subalternidade das persoas e por extensión do pobo".

8. Rosalía choromiqueira
"Vencellan esa fala a Rosalía, que non só non lles desgusta senón que ata lles agrada. A quen nunca utilizarían é a Castelao, pero a Rosalía fana totalmente asumible pola propia idea inxusta que trasladan dela como choromiqueira, melancólica ou depresiva. Estas lecturas mantivéronse durante décadas, cómpre lembrar que as primeiras Letras Galegas, que se lle dedicaron a Rosalía, foron en pleno franquismo. A idea de Rosalía nai de Galicia nai xa está presente no NO-DO e hoxe segue a ser nai mítica do país. De seguro herdamos isto polo franquismo pero tamén o alimentamos. Sentímonos cómodos nesa idea da maternidade, fondamente pasiva, dunha muller que agarda polo fillo. O mesmo había que revisar esa relación que nós mesmas construímos con esa idea melancólica de nós mesmas e de Rosalía. A mitificación de Rosalía dificulta que se vexa a persoa que era, está tan condenada como o propio país a ser sempre depresiva e nai".

9. Patriarcado
"Fálase de Galicia como un patriarcado, un territorio onde quen manda é o home, algo que se di literalmente. Todo o que se amosa é un patriarcado, que realmente era o caso. Nas imaxes vense mulleres escravizadas a facer de todo, pero ao NO-DO interésalle marcar esa idea da patriarcalidade máis absoluta. A incidir na mesma idea, faise un uso do folclore e dos corpos no folclore totalmente patriarcal, a amosar unha dominación simbólica e explícita. Mesmo así, na representación dos corpos que bailan, a dicotomía hoxe en día é aínda maior. Continúa a se bailar en escenarios sen espazo para xéneros non binarios nin para sexualidade non heteronormativa, e isto non estaba tan marcado na Sección Feminina nin en Coros y Danzas, que son as agrupacións que aparecen no NO-DO".

10. O espectáculo folclorista


Demostración Sindical de 1974

A pesar de que a espectacularización das danzas tiradas da tradición e o desenvolvemento do folclorismo non son inventos franquistas, "o folclorismo de palco acadou un tope de desenvolvemento co réxime, en particular nas demostracións sindicais, que se facían o 1 de maio a celebrar San Xosé Artesán. En estadios como o Santiago Bernabeu ou o Camp Nou púñanse en marchas estruturas folclorísticas brutais, de 5.000 ou 6.000 bailaríns, que se rodaban cunha unha perspectiva cenital, desde arriba, que era onde estaba o Caudillo. É un folclorismo absurdo e esaxerado. Fóra disto, nos Coros e Danzas tiñan algo máis de sensibilidade, eran conscientes de que estes espectáculos supuñan unha alteración moi grande. Elas alteraban cousas, aínda que crían que salvaban a música de tradición do esquecemento absoluto. Hoxe os tipos de folclorismo que temos non son tan esaxerados, non imos ver 5.000 bailaríns nun acto, pero si podemos ver ese número de gaiteiros, como nas investiduras de Fraga ou de Feijoo ou na última visita dun papa a Santiago". Outra herdanza da época atópase "na idea marcial e deportiva que reside aínda nalgunhas agrupacións, a facer filas e rodas perfectas para o baile. Esta idea de perfección, lémbrame moito ao Ballet Rey de Viana, que tivo moito contacto co franquismo. Malia a que a partir de certa época foi moi rexeitado, tamén moi admirado, e dalgún xeito sentou as bases do que se supón que era estético e digno para un palco. Iso deixou fóra dos palcos a tradición oral, que é heteroxénea. Poida que o Ballet fose recreacionista e folclorista de máis nos espectáculos costumistas que montaba, pero tivo máis incidencia a futuro do que se recoñece habitualmente".

11. Conservadora
"O país preséntase como un lugar conservador e franquista. Non sei canta idea diso queda exactamente hoxe, aínda que semella que non facemos máis do que ser unha canteira de políticos galegos que se relacionan cunha perspectiva franquista ou como mínimo conservadora. Semella que somos patrimonio territorial da dereita ou do Partido Popular, e isto era tamén o que se transmitía no discurso do NO-DO".

12. Abundante
"Nos anos 60 todas estas ideas, e sobre todo a da Galicia bonita, transfórmanse nun souvenir para o turismo, e aí trasládase a idea de que todo é abundante. Temos un territorio virxe, inalterado, salvaxe, mariño e rural rico. Fálase dun país de abundancia sen medida, incivilizada, que está detrás da idea de que en Galicia se come moitísimo. A lingua, o folclore ou as queimadas transfórmanse en obxectos de consumo turístico. Cando se vén a Galicia a vivir a experiencia etnotemática do país semella que se vén coa idea de que comemos marisco ou cocido a diario e de que lle botamos a todo aceite, sal e pementón. Hai unha imaxe ata sórdida, unha idea de gula como un pecado a corrixir, propia dun salvaxe en estado natural".

13. A queimada e os pololos
"Non sabemos moi ben quen somos, e a queimada é un exemplo claro. Que nos digan que é unha tradición e que está aí de sempre é moito mentirse e descoñecer o que é e o que non é o país. Se decidimos que este sexa o país da queimada parecerame ben, pero cómpre saber cando se dan procesos de invención e de onde veñen. É para reflexionar que, por descoñecemento ou por esta necesidade de significarnos identitariamente, vivamos nun país que diga que a queimada e os pololos da sección feminina son tradicionais pero logo non defende o seu idioma. Cando o idioma é unha diferenza identitaria histórica absoluta. Isto dáme coraxe". Segundo explica Busto, "esta idea mítica, druídica, céltica ou mística da queimada responde a un modelo de turismo cutre. É un produto que practicamente ten data, día e hora de creación, e existe constancia do momento no que se rexistrou o conxuro por parte do seu autor, que aínda vive". Sobre os pololos lembra que "foi un exemplo de violencia sobre os corpos que vivín eu mesma cando exercía o folclorismo nunha agrupación. Cando fun comprar o traxe tradicional na tenda de artesanía téxtil galega vendíanmos como parte do mesmo, e non os quixen. Dixéronme que era unha prenda tradicional, cando é unha prenda de violencia sobre o corpo feminino introducida por Coros y Danzas, un tapa-pecados".



Un dos primeiros exemplos da representación do folclore galego no NO-DO está neste noticieiro de 1943, co son estragado.

A herdanza
Rematado o tempo do NO-DO, non son poucos os exemplos de supervivencia e reprodución destes mitos que podemos atopar nos nosos días. Entre os máis sonados nos últimos tempos están as campañas publicitarias que retratan un país non moi diferente daquel que se podía ver nos noticiarios franquistas. Segundo lembra Beatriz Busto, "o Gadis publicitariamente leva dúas décadas vivindo de tópicos e reproducíndoos. Eu convidaríaos a que reflexionen criticamente sobre canto mal poden estar a facer. Coñezo moita xente que se pensa a si mesma a partir desa representación. Representar o país implica asumir responsabilidades. Cando tes o poder de crear narrativas sobre o país debes ser responsable, porque a xente acaba por se pensar a partir delas. Hai galegas e galegos que levan vinte anos a se pensar a partir da representación do Gadis, igual que antes o facían a través da representación do NODO. Isto non deixa espazo para sermos en liberdade, sen tópicos".

A reflexionar sobre o xeito no que podemos pensar de xeito crítico estes tópicos, Busto apunta que "tomar consciencia destes procesos implica asumir a dor de como son as cousas na realidade e tomar decisións claves para se enfrontar a elas. Cómpre ser honestos e ter coraxe, pero non podemos estar a nos doer sempre, é algo acomplexado, doloroso e subalterno de máis". Lembra nese sentido que "na tradición pódese innovar sen problema. Eu estou a favor de que performemos todo e reinventemos a tradición. O que non pode ser é que nos coñezamos tan mal e tan pouco como para ir nós mesmas alimentando construcións do que somos, cando nin somos nin temos por que se así se non o queremos ser. Non estamos condenadas a ser deste xeito".