ButacaZero estrea obra sobre o confinamento e pasará de xira todo o aniversario do peche

Coa traxicomedia '32m2' búscase unha catarse que peche as feridas desa etapa do pasado ano

A plataforma creativa ButacaZero estreará este vindeiro venres 12 de marzo o seu novo espectáculo: a traxicomedia 32m2, unha peza de teatro absurdo baseada no confinamento da pasada primavera. O Auditorio Municipal de Vigo acollera venres e sábado as representacións desta obra de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que inicia deste xeito a súa “Xira Confinada”, entre os días 12 de marzo e 20 de xuño de 2021, coincidindo coa celebración do primeiro aniversario do confinamento O espectáculo, que terá a Laura Villaverde e Xurxo Cortázar como protagonistas, pon o foco sobre a vida de Mar e Xan, unha parella que reside nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados. Unha pandemia mundial e un confinamento da poboación reducen, de súpeto, a súa vida ao que aconteza entre esas catro paredes. A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 visualiza a habitual convivencia coa precariedade e as desigualdades, que semellan invisibles, nunha vida que xa nunca volverá ser a mesma.

Con esta produción, que conta cunha banda sonora ad-hoc creada polo músico e axitador folclórico Rodrigo Cuevas, ButacaZero propón unha viaxe cara un pasado recente cun obxectivo curador. "É unha traxicomedia que pretendemos sandadora, unha forma de vernos no espello do escenario para comezar a curar feridas, lembrarnos daquelas aquelas persoas que xa marcharon e homenaxear ás que deixaron o mellor de sí mesmas neste presente-futuro incerto que nos agarda. Porque para afrontalo temos que pechar etapas. E, sen lugar a dúbida, a mellor chave é a risa. E o pranto", apunta Xavier Castiñeira. Esta xira terá a súa seguinte parada o domingo en Rianxo tras do que xa ten case vinte datas ata xuño polas catro provincias galegas, no mes de marzo por teatros de Vilalba, Muros, Cee e Pontevedra. Xa no mes de abril, visitará as localidades de Noia, Melide, Boiro, Vilagarcía de Arousa ou As Pontes de García Rodríguez, entre outras. As funcións continuarán no mes de maio en Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, mentres que no mes de xuño ButacaZero achegará a súa máis recente creación a poboacións como Ferrol, Cedeira ou Tomiño.
Ligazóns