A Deputación da Coruña convoca unha ducia de certames culturais para este ano

A dotación dos Premios Torrente Ballester increméntase tras o brusco recorte do pasado ano

| Santiago. Redacción | Seccións: Banda Deseñada
Compartir:

A área de Cultura da Deputación da Coruña ven de completar a súa convocatoria de certames culturais para este ano. Os Torrente Ballester consolídanse como os galardóns con máis tradición do conxunto de certames da Deputación da Coruña chegando a súa edición XXXIII cun novo cambio na súa dotación, se o pasado ano viuse drasticamente rebaixada de 25.000 euros a 6.500 euros a cantidade adicada a cada unha das modalidades do certame (galego ou castelán), neste ano auméntase de novo a dotación chegando en cada caso a un premio en metálico de 12.000 euros, volvendo a ser o certame con maior premio en metálico da Deputación. En total o ente provincial presenta unha batería dunha ducia de premios entre os artísticos, os musicais e os literarios.

A institución presenta agora as bases daqueles dedicados á creación artística: o Luís Ksado de creación fotográfica, o Castelao de banda deseñada, o Jesús Núñez de Arte Gráfica e o Certame de Arte Isaac Díaz Pardo. Os catro premios están dotados con 6.500 euros e o prazo para presentar obra iniciarase despois de que, nos próximos días, saia a data no Boletín Oficial da Provincia e prolongarase até o 30 de abril no caso do Castelao, Ksado e Diaz Pardo e será do 1 xuño ao 30 xullo para o Jesús Núñez. Ademais destes certames, en días atraás a institución convocou os cinco certames literarios: Raíña Lupa de Literatura infantil e xuvenil, o Rafael Dieste de textos teatrais, o Murguía de ensaio e os de narrativa en galego e español Torrente Ballester. Ademais destes certames a Deputación tamén convoca o de proxectos culturais pola Igualdade Begoña Caamaño e proximamente fará o propio cos de música Narf, Andrés Gaos e Quero Cantar.

Que che parece esta nova?
69 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Deputación da Coruña, Castelao, Begoña Caamaño, Rafael Dieste...