Estro Montaña faise co premio Torrente Ballester de narrativa

Pablo Escudero obtivo o galardón da Deputación da Coruña na modalidade en castelán

A Deputación da Coruña daba a coñecer este 13 de novembro o fallo do XXXVII Premio Torrente Ballester de narrativa. José Montaña Louzao, Estro Montaña impúxose na categoría en galego coa novela Non hai paz no paraíso. Pablo Escudero Abenza alzouse co galardón en castelán pola obra Biblioteca familiar. Cada unha das modalidades conta cunha dotación de 15.000 euros.

O xurado da modalidade en galego, composto por Ismael Ramos, Lara Dopazo, Ana Varela, Manuel Esteban e Loli Rodríguez valorou do traballo de Montaña "o estilo coidado e o uso dunha linguaxe moi rica en matices". A novela "ofrece un percorrido histórico pola sociedade galega da primeira metade do século XX, a través dunha serie de personaxes poliédricos que reflicten a complexidade política e social da época", segundo informa a Deputación da Coruña.

O comité de selección da modalidade para obras en catelán estivo formado por Carmen G. Magdaleno, Raquel Delgado, David Uclés, Andrea Fernández Plata e José Antonio Bonet. No seu fallo destacou na obra de Escudero "a honestidade do relato, o híbrido entre ficción e ensaio e a prosa limpa e fluída da obra". Biblioteca familiar "é unha historia de amor á literatura que inspira a lectura e a escrita, á vez que ofrece unha reflexión sobre moitos temas relacionados coa industria cultural".