A academia galega comparte coa vasca e catalá unha declaración defendendo a competencia autonómica en materia de linguas

Reclaman ser consultadas polas institucións do Estado en beneficio da diversidade lingüística

Reclaman ser consultadas polas institucións do Estado en beneficio da diversidade lingüística
A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d'Estudis Catalans comparten unha declaración conxunta coa intención de contribuír a aclarar o debate público acerca da presenza das linguas na educación e no conxunto da realidade social. Nela advirten que, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o galego, o éuscaro e o catalán "precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán". "O Estado español debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir", defenden na primeira declaración conxunta da súa historia. Os tres organismos con responsabilidades oficialmente recoñecidas na defensa e promoción dos idiomas que representan, como institucións asesoras dos poderes públicos en asuntos referentes ás respectivas linguas, reclaman ser consultadas polas institucións do Estado e póñense á súa disposición. "É o noso ánimo contribuír a unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas e os/as falantes das diversas linguas do Estado español, un Estado que debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir", conclúen.

As institucións asinantes entenden que, en coherencia co principio de autonomía, o réxime lingüístico do sistema educativo nas comunidades con idioma propio recoñecido oficialmente debe ser competencia exclusiva de cada unha delas, e que este "debe estar orientado a garantir unha competencia plena e igual en cada unha das nosas linguas e do castelán". Porén, malia recolleren as regulacións autonómicas este obxectivo, a competencia en castelán está plenamente garantida polos distintos modelos que foron aplicados, mais non todos eles garantiron o mesmo fin para o catalán, o éuscaro e o galego. "Como demostran tanto os estudos e as avaliación máis solventes coma as diversas experiencias nas comunidades autónomas que teñen algunha destas linguas como propia, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o catalán, o éuscaro e o galego precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán", salienta o texto.