"Non se ama o que non se coñece, e na realidade española percíbese con excesiva frecuencia que se aborrece o que se descoñece. Cómpre mudar esta sensación por unha ansia de coñecemento do outro, de coñecemento mutuo", afirmou hoxe á mañá a presidenta do Consello da Cutlura Galega, durante a sinatura virtual do convenio de colaboración entre as catro institucións que promoven as linguas e a culturas do Estado español no exterior: o Consello da Cultura Galega, o Instituto Cervantes, o Etxepare Euskal Institutua e o Institut Ramón Llul. Aínda que moitas entidades xa viñan colaborando entre si, como é o caso do CCG co Instituto Cervantes, o novo acordo facilita e crea o marco para estreitar estes acordos de colaboración que se materializan, por exemplo, en programacións culturais conxuntas no exterior. "Esta colaboración está cargada de simbolismo", afirmou Luis García Montero, escritor e director do Instituto Cervantes, "no momento no que vivimos. Defender a pluralidade é defender a lexitimidade das identidades e a necesidade de que sexan abertas, dispostas a relacionarse entre si. Isto é importante porque estamos a ver o necesario da consolidación do público, da importancia das institucións que velan pola nosa seguridade, do Estado, pero esa consolidación do Estado debe construírse con respecto ás identidades individuais. Se conseguimos que as linguas maternas dialoguen, crearemos un espazo fronte os autoritarismos".
Rosario Álvarez salientou algúns fitos da presenza da lingua galega no exterior. "No Brasil temos un interese doble, pola emigración galega e a súa rede de centros e pola proximidade lingüística e cultural, e a colaboración co Instituto Cervantes foi fundamental. Entre os países europeos cos que temos máis relación está por unha banda con todos os países do arco celta, coas conexións culturais e marítimas que compartimos, pero curiosamente tamén nos países do Leste e de maneira especial con Polonia". Luís García Montero avanzou que o Cervantes tentaría que no orzamento do Ministerio de Cultura se contemplarían partidas para "facilitar este diálogo institucional".
Vídeo do evento