Fotografar o Entroido (I): Os retratos da emoción

Mercedes Vázquez Saavedra revela as esencias da festa tradicional nas súas imaxes

Mercedes Vázquez Saavedra revela as esencias da festa tradicional nas súas imaxes<br />
Troteiros de Bande. Fragmento de fotografía de Mercedes Vázquez Saavedra.
A fotografía está a amosar unha importancia fundamental á hora de dar a coñecer os entroidos tradicionais galegos. O carácter vivo e participativo destas celebracións fai difícil transmitir os múltiplos personaxes, procesos e emocións que as compoñen, con máscaras e persoas a se mesturar nun dinamismo continuo. Nese sentido, o labor pioneiro de documentalistas gráficos como Mercedes Vázquez e Fernando Seadur facilitou hai xa anos o coñecemento dunhas festas que en moitos casos non saíran das súas propias comunidades.

A difusión de imaxes, en particular desde hai uns anos coa xeneralización das redes, revelouse como unha das principais ferramentas de divulgación dos entroidos tradicionais. Á capacidade da fotografía para recoller a espectacularidade das máscaras, o ambiente, a confusión e a alegría que acompañan esta festa súmase a importancia do seu carácter como testemuño dunha tradición en risco. Así, as fotografías históricas foron fundamentais para poder reconstruír moitas das máscaras que hoxe voltan correr as rúas de aldeas por todo o país. De xeito previo á proliferación de imaxes que hoxe en día existen sobre estas festas, houbo persoas que de xeito pioneiro fixeron delas o obxecto do seu traballo fotográfico, e retrataron e deron a coñecer encontros que non saíran do seu lugar de celebración.

Mercedes Vázquez
Foi o caso de Mercedes Vázquez, que xa hai trinta anos estaba a percorrer algúns dos entroidos menos coñecidos do país. Nun momento no que apenas as citas de Xinzo, Verín e Laza chegaban aos medios, esta entroideira de vocación participaba e recollía imaxes dalgunhas das celebracións máis tradicionais do noso rural. Cunha longa carreira ás costas, a fotógrafa reivindica a participación e a emoción como base para coñecer estas festas. "Todas e cada unha das miñas fotos están feitas desde o sentimento" asegura Mercedes Vázquez. "Levo desde os anos 90 percorrendo entroidos e seguirei a andaina, adoro o mundo da máscara". O seu interese por esta festa "vén dende a nenez. A miña familia foi sempre entroideira, como se pode comprobar nas fotografías antigas que se conservan. A miña avoa, tíos e tías gostaban do Entroido. A min mesma encantábame ir polas rúas disfrazada de farrapeira, e a miña avoa e as miñas tías vestían con disfraces que facían para a ocasión. E de maior continuei entroidando". O labor de Vázquez enmárcase na etnografía visual. "A miña andaina é fotográfica é de pescuda. Funciono desde o punto de vista da fotografía etnográfica, que é testemuñal e quere dar fe do que vemos". Como resultado da súa experiencia neste campo, fai parte da Academia da Máscara Ibérica con sede en Bragança e desenvolveu dúas exposicións itinerantes que percorren Galicia e Portugal desde 2018. Viaxe polo mundo da máscara achega unha selección do seu traballo enciclopédico sobre máscaras galegas e portuguesas, mentres Viaxe polo mundo da máscara ibérica amplía o foco a festas portuguesas, leonesas, zamoranas, astures, cántabras, estremeñas, castelás ou andaluzas.

A descuberta
A orientación do foco de Vázquez cara á festa chegou a través do traballo. "Xa coñecia Laza, Xinzo ou Verin. Nos anos 90, cando estaba a facer a guía da Ribeira Sacra para a Editorial Galaxia, escoitei falar dos Volantes na zona da bocarribeira de Chantada e afondei sobre o tema. Tamén atopei o Oso de Salcedo cando facía unha guía da Pobra do Brollón para o concello, e tamén ao traballar na do Courel atopei xente que falaba dos entroidos. Daquela recollín nun artigo na revista A Candea o que contaban das festas da serra". De xeito similar "en Portugal, coñecía o Entroido de Podence e os de Vinhais e de Bragança. Fixera un traballo do Camiño Portugués para Hércules Edicións cando escoitei falar doutros concellos e afondei neles. Logo visitei os entroidos arraianos, escoitei falar dos farrapões en Pitões das Júnias, que é a miña aldea portuguesa de adopción, e funos fotografando".

A exploración
O seu foi pois un traballo de exploración apegado ao terreo, da man de testemuños e contactos, nun tempo no que non existía a rede nin se dera o importante movemento de recuperación de festas tradicionais que vivimos no que vai de século. O seu coñecemento construíuse "falando coa xente, deténdome. Só así se pode facer unha recolleita. Cómpre entrar nas tabernas e socializar coa xente. Estes espazos foron as universidades da cultura popular e das tradicións, aínda que agora se perderon" coa desertización do rural. Encol das maiores facilidades que agora existen para coñecer esta tradición apunta que"todo é bo. Non estou en contra de gardar nada, todo é de todos, a cultura é do pobo para o pobo. O que hai é que ensinar a valorar este inmenso patrimonio inmaterial q temos, coidalo e protexelo".

A participación e a emoción
A participación na festa é, ao seu ver, fundamental para poder retratala. "A nivel fotográfico-etnográfico, as máscaras vívense afondando e coñecendo os entroidos, o que leva a fotografalos". A nivel máis técnico lembra que o traballo de retratar estas festas "require ir correndo detrás das máscaras. Hoxe coas cámaras dixitais é máis doado, hai 20 ou 30 anos coas cámaras analóxicas había que pensar cada foto. Agora pódense facer centos de fotos. Logo ven a edición, aínda que eu son de moi poucos retoques, sobre todo nas fotos dos entroidos". Encol da súa vivencia desta festa ao longo do tempo lembra que "sen emoción, o mundo da máscara non ten interese. Percorrín os entroidos galegos, afondei no mundo máxico das máscaras galegas até chegar á emoción. O mesmo aconteceu coas portuguesas, e por extensión continuei visitando, coñecendo e afondando os entroidos ibéricos, e se podo continuarei", asegura superadas as sete décadas de vida. "A relación coa festa foi evolucionando até o punto de sentirme unha entroideira máis, ao vivir cada entroido, cada mascarada desde dentro. Pertenzo ao mundo da máscara con grande orgullo, síntome unha máis, intento colaborar en todo o que podo persoalmente e como secretaria dos órganos sociais da Academia da Máscara Ibérica". O seu interese pola máscara levouna alén dos retratos realizados estritamente nestas festas. "Visitei, afondei e fotografei mascaradas que saen en datas fora do Entroido. En Portugal xeralmente saen polo Natal, do solsticio ata Reis, no chamado ciclo dos 12 días. En Estremadura sae algún personaxe en novembro, logo tamén polo San Sebastián e no propio Entroido. Pero tamén hai máscaras leonesas que saen no Corpus. Polos Remedios temos o Irrio de Castro Caldelas, ou ás Pampórnigas e o Meco da Ermida de Quiroga" lembra.

A recuperación e o turismo
A partir da súa experiencia a vivir e retratar estas festas, apunta que para este patrimonio "a situación é moi boa. Os entroidos tradicionais están máis vivos que nunca. Son un sentimento e a xente víveos apaixonadamente. Están a se recuperar antigos entroidos e isto engrandece este enorme patrimonio inmaterial. Esta festa potencia as vivencias en común, ten moito das vellas comunidades". Aínda que recoñece o risco que xera o impacto turístico sobre estas celebracións. "O turismo hai que encarreiralo, as masas esnaquizan. É certo que só van aos entroidos famosos, os de grandes riadas, pero o fundamental son os pequenos, que se conservan por si sós. Non podemos parar o xentío da baixada da Morena os luns pola tarde en Laza. Sempre foi moita xente, e seguirá indo e enfariñándose. Pero tamén temos a chegada da Morena uns quilómetros antes en Matamá ou en Castro de Laza, onde saen dúas, e non son eventos masivos". Ao seu ver os grandes entroidos de Verín, Laza, Xinzo, Viana ou Vilariño pagan a fama con multitudes, pero encarréiranas moi ben, non vexo q sexa un problema". Fóra destas grandes citas tradicionais "ao resto vai a xente que ten interese polas máscaras, que gosta realmente dos entroidos. O mesmo acontece en Portugal, Podence é masivo pero moi ben controlado, o mesmo que os desfiles do Fimi de Lisboa. Todo depende a organización, dos medios e do apoio. Egoistamente non hai nada como un entroido pequeno do rural, pero necesitan ter xente para subsistir".

A proliferación de imaxes
En comparanza cos tempos nos que iniciou a súa actividade, Vázquez destaca que "hoxe en día hai moitos fotógrafos/as-etnográficos moi concienciados e concienciadas en poñer en valor os entroidos. A maioría viven os entroidos dende dentro, preocúpanse de establecer contacto coa xente, e respectan e valoran cada festa. Son un grupo de xente comprometida, que trata de protexer as máscaras en xeneral e captan o mellor delas". Por outra banda, "atópase a masificación da foto en xeral, pero iso nestes tempos acontece en tódolos campos. Todo o mundo ten un móbil, que é unha ferramenta máis, e hai que aceptalo e estar cos tempos, non se poden poñer portas ao campo".

A fotos que virán
Entre os planos inmediatos desta investigadora está "continuar fotografando máscaras, axudar a recuperar e potenciar entroidos", ademais de continuar coas cinco exposicións que ten activas. Para alén das dedicadas aos Entroidos, conta con Mulheres dedicadas a "mulleres da raia e do rural, xeralmente maiores, con moito q contar" e Trabalhos do campo que retrata "segas, mallas e labores da raia portuguesa". A maiores "teño unha quinta mostra conxunta con Moncho. E, Mulheres das Capas, 1. Mulheres de Nogueira", realizada en Boticas, Portugal. "Son mulleres dunha aldea, ás que fixemos un seguimento, mulleres que levan capas, e fan o ciclo da lá, e cantan". De cara ao futuro, a autora quere "seguir con novos proxectos de retratos de mulleres usen capas ou aventais".


Fotografías de Entroidos de Mercedes Vázquez Saavedra