
Residencias cruzadas comeza a súa andaina co proxecto Somos teatro. Teatro e inclusión social, creado pola actriz, directora e pedagoga teatral Chusa Pérez de Vallejo, e que procura investigar na inclusión desde unha perspectiva global. A súa proposta concluirá cunha formación en liña aberta a profesionais das artes escénicas e a todas as persoas interesadas en afondar na necesidade de xerar realidades teatrais inclusivas para que a discapacidade non impida traballaren igualdade de condicións. Baixo o título Somos os luns, a parte formativa desenvolverase os luns de febreiro a partir do día 8, de 20,00 a 22,00 h.
Variedade de propostas
O programa continuará a vindeira semana cos proxectos para a reflexión e a experimentación compartidos entre Diana Sieira, creadora de The Witch, e Helena Salgueiro, con Ferro, Federici. A través de lecturas comúns e complementarias, ambas analizarán do 9 ao 15 de febreiro a situación actual das mulleres, atendendo á historia da caza de bruxas como pano de fondo. Pola súa banda, a partir do día 13, Voadora, con Sincro, e Lucía Díaz-Tejeiro con Akrasia abordarán os ocos das memorias individuais no relato colectivo.
Asemade, Producións Dispersas, con Mentres dure a canción, e Mónica Sueiro, con 15 minutos, afondarán na metateatralidade e na loita do individuo por ser e estar no colectivo entre o 15 e o 20 de febreiro. Finalmente, do 21 ao 25 deste mes, Anómico Teatro, con Mosaico de Anxos, e Cía. Sr. López, con Manuela Rodríguez é unha inuit, realizarán lecturas complementarias sobre exilios e migracións.