As contas da cultura 2021 (II): Política Lingüístico-cultural

Transvasamentos de fondos desde persoal incrementan o investimento en patrimonio

Transvasamentos de fondos desde persoal incrementan o investimento en patrimonio
A Secretaría Xeral de Política Lingüística é, coa Agadic, a destinataria dos principais incrementos orzamentarios para cultura en 2021. Este departamento levará o peso dunha parte destacada das medidas de recuperación para o sector cultural pola pandemia de Covid-19. Fronte a este crecemento, sectores como libro, bibliotecas ou patrimonio non conseguen incrementar os seus fondos dun xeito importante.

A Secretaría Xeral Política Lingüística é, despois da Agadic, o departamento de cultura que ve un maior incremento dos seus fondos nas contas para este exercicio, a agudizar a tendencia ascendente dos últimos anos. Os 13.062.000 euros cos que contará supoñen en total 4,5 millóns máis do que en 2020. Isto coincide ademais cun descenso en gastos de persoal, bens e servizos e mais transferencias de capital por un valor conxunto de 185.000 euros, o que incrementa aínda máis os recursos dispoñibles noutras partidas de investimento. O grande peso deste crecemento, 3,5 millóns de euros, fica na nova partida de Reactivación Cultural e Dinamización da Lingua Galega, o que fai supor que boa parte destes fondos se destinarán a axudas e mais á contratación de propostas culturais máis do que a campañas de normalización.

A accións culturais desde a lingua
Xa en 2020 os 1,5 millóns de euros do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 saíron dos fondos para campañas de normalización da Secretaría. A propia memoria dos orzamentos para o ano que comeza sinala que, no marco desta acción, "na actualidade a SXPL dispón dunha bolsa de 599 proxectos que non se poden adxudicar por falta de crédito dispoñible e resulta necesario continuar con esta liña de acción". Adiántase pois dentro dos plans da Secretaría a vindeira convocatoria dunha nova edición desta liña para "promover actividades de dinamización lingüística e cultural en galego, de pequeno formato e aforo limitado, así como, fomentar un consumo de produtos lingüísticos e culturais de calidade destinados a sociedade en xeral e/ou a grupos específicos da poboación (escolares,publico infantil, mocidade, etc). Con esta medida contribuirase a lograr obxectivos prioritarios de dinamización lingüística e, así mesmo, reforzar ou manter as estruturas das pequenas empresas e dos axentes que conforman as industrias culturais e lingüísticas". Esta definición do sector, ausente de anteriores memorias e mesmo da Estratexia da Cultura Galega aparece como a chave argumental desta crecente intervención do departamento nas políticas máis nitidamente culturais da Consellería.

A acción normalizadora
No campo mais estritamente lingüístico, a contía específica adxudicada a "Campañas de normalización lingüística" é tamén maior, ao pasar de 1.796.000 euros a 2.005.146 (209.000 a maiores). Polo momento non queda claro se a mesma incluirá tamén, como no anterior exercicio, medidas de apoio á cultura. Na mesma liña de acción sobre a nosa lingua, as transferencias a empresas listadas como "programas de promoción do galego" suman 250.000 euros ata os 950.000, mentres as propostas de formación no campo da normalización terán á súa disposición 348.300 euros a maiores, ata totalizar 798.300. O apoio a empresas editoriais que desenvolve a Secretaría achegará 100.000 euros máis, un total de 300.000. Hai tamén un destacado crecemento nos convenios con medios de comunicación da Secretaría Xeral, que pasan de 50.000 euros a 296.371, mentres os fondos orientados a Outros convenios ascenden de 140 aos 201.000. Estudos e traballos de investigación, pola contra, contarán co mesmo medio millón de euros do pasado ano. Canda aos recortes dos capítulos xa sinalados, o único descenso destacado nas contas da Secretaría Xeral é na partida para Creación de Lectorados e Centros de Estudos Galegos que perde 53.000 e queda con 244.271.

Propósitos para 2021
Non aparece na memoria de proxectos do programa de Fomento da Lingua Galega a integración galega na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa recollida en anos anteriores. A mudar este obxectivo, e tal como se adiantara, o texto recolle que "con toda probabilidade e como consecuencia dunha iniciativa galega, España ingresará o vindeiro ano na CPLP como Observador Consultivo. Por tal motivo, o ano 2021 será un momento importante para que Galicia se posicione como a comunidade autónoma de referencia Lusófana en España". No resto, o texto achega poucas novidades, unha vez rematado en 2020 o Plan de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico. No marco do aínda activo Plan de dinamización para a mocidade adiántase a nova iniciativa de "impulsar a realización de contidos audiovisuais en galego para incrementar os fondos dunha plataforma interactiva que, con carácter complementario da educación regrada, contribúa a mellorar a experiencia formativa de nenos e nenas en idade escolar (de 6 a 16 anos) e, así mesmo, promover repositorios de contidos lúdicos e de entretemento de calidade directamente elaborados para o público infantil e que sirvan para mellorar a súa experiencia educativa", algo que de novo incide no eixe de vincular normalización e produción cultural. A proposta "enmarcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais de Galicia que ofertará aos máis pequenos contidos lúdicos e temáticas do seu interese en formato dixital en lingua galega para asegurar a instalación e a permanencia con normalidade da poboación mais nova no noso idioma dende as idades máis temperás".

Incrementos no apoio ao libro
Ao igual que a xa comentada partida de política lingüística para proxectos en lingua galega de 300.000 euros, o ámbito das contas dedicado ao apoio do sector editorial vese incrementado no proxecto para este 2021. En concreto aparecen dúas novas liñas que amplían o alcance destas axudas con 200.000 euros para "promoción, comercialización e distribución do libro galego" e outros 30.000 orientados á promoción en librarías e outras entidades. Fican cos seus 171.060 euros as axudas á edición do libro en galego e perde os 10.000 que obtivera o pasado ano o fondo para promoción, produción e edición de libro na nosa lingua (200.000). A estes apoios engádense os recursos para adquisición de lotes fundacionais das bibliotecas, que manteñen os seus 495.000 euros, os 200.000 achegados a concellos para a adquisición de novidades editoriais en galego e mais os antigos fondos para investimentos en bibliotecas para administracións locais, que agora se reformulan como axudas para fondos bibliográficos e que contan con 362.000 euros (12.000 a maiores). Outros apoios ao sector do libro son os destinados á participación en feiras internacionais (257.000), os 30.000 de apoio á promoción exterior de creadores, que se manteñen sen cambios, e mais as iniciativas de promoción da lectura e do libro, que pasan de 185.000 a 207.356. En total estas liñas de diferentes programas suman 2.452.416 euros fronte aos aproximadamente 2,2 millóns comprometidos para 2020.

Bibliotecas, arquivos e museos
Alén das adquisicións de material, no campo das bibliotecas non se perciben incrementos. Os 335.000 euros de "Investimentos de carácter inmaterial", continúan a ser a principal partida de investimento, canda aos programas de dinamización lectora en bibliotecas da Xunta (138.000) e municipais (201.000). Nos arquivos os únicos incrementos son dos apartados "Proxectos, informes e dirección en materia de arquivos", que sobe de 135.000 a 200.000 euros, e o de obras de conservación nestas instalacións, que pasa de 35.000 a 50.000. O resto de fondos, tanto os destinados a bolsas como a mobiliario, manteñen as contías de 2020, a incluír o demorado programa de bibliotecas itinerantes, que cumpre o seu terceiro ano nas contas autonómicas sen se ter iniciado. En conxunto, o programa de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Equipamentos Culturais reflicte un orzamento de 22.258.000 euros, o que supón un importante incremento de 2.739.000 euros a respecto de 2020. O capítulo de persoal é o que absorbe a maior medra destes fondos, con 1.818.000 euros máis, mentres os investimentos reais suman 252.000 euros as transferencias de capital obteñen outros 235.000. Como podemos comprobar o groso destres incrementos van para o apoio ao sector do libro.

Transvasamentos patrimoniais
No ámbito do patrimonio, verifícase un incremento destacado, de 1.323.000 euros, no capítulo de investimento, que acada 8,5 millóns. No entanto, unha contía similar (1,2 millóns) detraese dos fondos de persoal, o que dá que o orzamento total deste programa medre unicamente un 1% a respecto do pasado ano. Malia a que a maior aposta polo investimento facilitará novas actuacións patrimoniais ao longo dos vindeiros 12 meses, fica por ver os efectos que pode ter o importante recorte de persoal neste programa, cun 14% menos fondos. Recentes denuncias de diferentes colectivos patrimoniais sobre a externalización de servizos por parte da Dirección Xeral poden dar pistas neste sentido, e amosan que este proceso absorbe boa parte dos propios investimentos do organismo.

Deste xeito, a partida de "Promoción, catalogación, inventario do Patrimonio Cultural" suma case 320.000 euros e chega aos 877.274 nas previsións de gasto para 2021. A este fondo corresponde a encomenda á empresa Tragsatec que xa se publicou no DOG do pasado 31 de decembro para "análise e informe das intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento". O contrato está previsto para un período de seis meses por valor de 409.933,75 euros. A aposta por esta empresa externa para este tipo de valoracións segue a liña desenvolvida ao longo de 2020, cando se desenvolveron outras tres encomendas co mesmo obxecto ata cubrir esta tarefa ao longo de todo o ano, cun crédito de 705.931 euros que obrigou a modificar a partida orixinal, dotada con 537.568 no proxecto de orzamentos para ese ano. É de prever que unha nova encomenda para o segundo semestre será o destino do resto dos fondos pendentes de gastar neste apartado, o que sumará case 100.000 euros ao custo deste labor no anterior exercicio.

Máis investimentos patrimoniais
Tamén dentro dos investimentos, os fondos para intervencións en edificios e outras construcións do patrimonio histórico e cultural continúan a ser os de maior contía deste ámbito e son tamén os que máis medran. En total, suman 676.484 euros e chegan así aos 5,05 millóns. Tamén son máis os cartos para "Intervencións no patrimonio cultural e nas infraestruturas culturais", vencelladas neste caso ao funcionamento operativo dos servizos deste programa. A partida engade 87.842 euros e acada os 1.226.436. Cen mil euros máis para "Conservación, protección e consolidación de xacementos arqueolóxicos" (ata medio millón) e case 160.000 a maiores para traballos en pinturas murais e retablos (671.414 en total son outras partidas con incrementos destacados. O convenio mixto coa igrexa para intervencións no seu patrimonio recibirá este 2021, en consonancia do Ano Xacobeo, 120.000 euros, cun total de 250.000. Mantéñense os investimentos, pola contra, nas demais partidas deste programa, a incluír os 208.938 euros para adquisicións de bens culturais. No caso dos museos, unicamente suman 100.000 euros os fondos orientados a actividades de difusión, que chegan así aos 950.000 e consolídanse como principal investimento neste campo. Da banda da Consellaría do Mar, a Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial contará este 2021 con 20.000 euros máis, un total de 48.500 para o seu traballo a prol do noso patrimonio marítimo, mentres a asociación de carpintarías de ribeira Agalcari fica cos 30.000 habituais. Así, o descenso de 150.000 a 100.000 euros nas axudas a organizacións non lucrativas no campo do patrimonio cultural aparecen como as únicas damnificadas nos gastos previstos no programa de patrimonio.

Turismo
Separados de novo da Consellaría de Cultura, nin os orzamentos nin as memorias da S.A. de Xestión do Xacobeo nin as da Axencia de Turismo de Galicia recollen datos especificamente culturais, mantéñense neste 2021 actuacións de "mellora paisaxística e embelecemento dos bens e recursos situados no Camiño de Santiago" que afectarán a "elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios situados na Ruta Xacobea" por valor de 1,4 millóns de euros (fronte a 1,2 de 2020) dos que Turismo de Galicia achega o 75% do orzamento. Tamén se pode integrar no coidado do patrimonio as últimas obras do Plan Director do Camiño 2015-2021, orientadas como no ano pasado ao Camiño de Inverno. Canda a isto, a parte correspondente a 2021 das axudas O teu Xacobeo están xa consignadas nos orzamentos para este ano. Trátase de 1,5 millóns aos que é de supor que se engadan investimentos novos para unha nova convocatoria do programa. Desta volta os fondos xorden do Plan de Choque para o reforzo do sector turístico, en concreto dos destinados a axudar empresas (3,8 millóns), concellos (19,3) e institucións sen fin de lucro (4,8). Tamén dentro do Plan de Reformulación do Xacobeo 21 (37,6 millóns) están previstas contratacións e programas de carácter cultural, como é o importante desembolso do festival O Son do Camiño, que leva aproximadamente 2,5 millóns de euros en cada edición. Non se detallou nesta ocasión a previsión de investimentos de programación no marco desta iniciativa, que alcanzaban en 2020 os 10 millóns de euros. O Plan Xacobeo contará para 2021 cun total 85,6 millóns de euros, mentres o orzamento para Turismo suma un total de 112,5 millóns de euros, un 52,3% máis que en 2020.

Como resumo destes ámbitos, as contas deixan unha certa indefinición sobre o papel específico de Política Lingüística nas políticas culturais de 2021. Ao abeiro do plan de apoio ao sector cultural, as competencias deste departamento quedan desdebuxadas e fica aberta a cuestión de se a reorientación afectará ás accións sobre o galego da Secretaría. Queda tamén pendente de comprobar o efecto que terá a separación de Turismo, que en 2020 se presentaba como o grande apoio para as políticas culturais do país, da Consellaría de Cultura. Co ampliado Ano Santo e cun importante plan de rescate ao sector como grandes retos, non está claro o papel que vai desempeñar a cultura nas actuacións da Axencia de Turismo. Finalmente, a perda de persoal no ámbito patrimonial, que preocupa no sector, deixa tamén incógnitas sobre o xeito de traballo futuro da Dirección Xeral, cun maior peso de investimentos pero cunha menor capacidade aparente de xestión a nivel de consultas e de resolución de expedientes.