A Agadic convoca as axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego

A liña mantén 2,5 millóns de euros de orzamento e as categorías de proxectos cubertas

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a orde pola que a Axencia Galega das Industrias Culturais convoca as subvencións para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. Cun orzamento de 2,5 millóns de euros ao igual que en 2020, a nova convocatoria mantén tamén as categorías das axudas. Longametraxes de ficción "que contribúan a salientar a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego" ou aqueles "con especial valor cinematográfico, cultural e social que contribúan a fomentar o tecido industrial do sector audiovisual galego, posúan alta viabilidade na súa execución" e, nos dous casos, con vocación de proxección exterior, son as dúas primeiras modalidades de produción previstas, que poden obter ata 260.000 euros.

Canda a estas, as longametraxes de animación e documentais, as curtas de ficción, non ficción e animación e mais os proxectos para televisión completan as liñas de apoio previstas pola Axencia Galega das Industrias Culturais. As producións interesadas teñen ata o vindeiro 15 de febreiro para presentar as súas solicitudes.