AGADIC convoca as axudas a producións de contido cultural galego

A convocatoria, de dous millóns de euros, incorpora por vez primeira as curtametraxes

20/5/2015 | Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual

Dous millóns de euros, unha cantidade igual á do pasado ano. Este é o orzamento que a Axencia Galega das Industrias Culturais distribuirá na súa convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio, que por vez primeira inclúe 60.000 euros destinados a apoiar curtametraxes. Outra novidade é a creación dunha liña específica para as longametraxes documentais cinematográficas. Canda a estas apoiarase a produción de longametraxes de ficción, de animación e mais producións ou coproducións destinadas a ser emitidas por televisión.

Que che parece esta nova?
47 lecturas 0 reaccións
Compartir:

Entre os criterios que se primarán na convocatoria, a Axencia valorará nesta ocasión "a dirección feminina e a participación de mulleres nos equipos creativos". Tamén se terán en conta cuestións como a calidade do proxecto, a súa contribución á cultura e á cinematografía de Galicia "cunha especial atención á presenza do idioma galego na versión orixinal e á promoción do talento audiovisual da nosa Comunidade" e mais a súa viabilidade. Os interesados en solicitar estas axudas contan cun mes de prazo a partir de hoxe.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Documentais, Animación, Axencia Galega das Industrias Culturais, Mulleres