Trece proxectos distribúen as axudas a producións coproducións audiovisuais da Agadic

A maioría dos traballos, que reparten dous millóns de euros, rodaranse en galego

Catro longametraxes cinematográficas en imaxe real, dúas de animación, catro documentais para cinema e para televisión, unha serie e dúas curtametraxes son os proxecto que distribúen os dous millóns de euros da convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer onte a resolución desta convocatoria, a de maior contía das que promove para o sector audiovisual. Nove dos proxectos seleccionados rodaranse en galego na súa versión orixinal.

O home e o can, dirixido por Rafael de los Arcos para Caladiño Filmes e mais Cuñados de Jorge Coira con Portocabo recibirán cadanseus 259.412 euros, mentres Matriuska, coa coprodución galego-mexicana ¿Qué hicimos mal?, dirixida por Liliana Torres con Maruxiña Film Company e Ons de Alfonso Zarauza, contarán con 239.457 euros cada unha. En canto aos filmes de animación, Valentina é diferente de Abano suporá o debut de Chelo Loureiro na dirección e no guión e A galiña turuleca de Brown Films contarán con senllas axudas de 259.412 euros.

No apartado de documentais, a resolución apoia o desenvolvemento de A-Cero-5 de Agallas Films con dirección de Gonzalo Suárez (59.864 euros), Welcome to ma maison de Andrés Goteira con Acanea Impulsión (58.278 euros), e Clowns’s Planet (45.447 euros), de Sun Lúa con dirección de Héctor Carré. Ademais, Picadillo, o peso da cociña galega, de Breogán Riveiro en Formato Producciones, foi seleccionado como documental para televisión cunha subvención de 30.431 euros.

En canto a series televisivas O amargo sabor das margaritas, proxecto de CTV para Televisión de Galicia, conseguiu 259.412 euros, mentres as curtametraxes Os prexuízos da auga, de Santos Díaz con produción de Miramemira, e Homomaquia, de David Fidalgo, producida por Abano contarán con candaseus 15.000 euros.