A Mostra de Teatro de Ribadavia cumpre trinta anos desde a súa creación

Onde naceu o teatro

Este ano a dramatuxia galega celebra datas para a lembranza. Os 25 anos do inicio da profesionalización teatral, o velorio do director e actor Francisco Taxes, que se suma á perda de Roberto Vidal Bolaño o ano pasado. Todos estes nomes, datas e momentos lévanos ao mesmo sitio. A Asociación Cultural Abrente. Ano 1973. A asociación da que saíu todo o vendaval creativo e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia que o sábado bota a andar na súa décimo novena edición.

A Mostra de Teatro de Ribadavia é o inicio de moitas cousas. Da profesionalización da dramaturxia en Galicia que se consumaría cinco anos despois, da Asociación Cultural Abrente que marcou un fito no mundo teatral galego, o inicio das carreiras artísticas de Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo, Ernesto Chao, Rosa Álvarez... como as de tantos outros. Aquel Abrente está hoxe, gracias tamén á última montaxe do Centro Dramático Galego, máis presente ca nunca.



O presente

Será precisamente a montaxe que o CDG creou para conmemorar os 25 anos do teatro profesional galego o evento que “pecha o espectáculo, e que serve para recuperar Daquel abrente” afirma Rubén García, director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.




E é que a asociación paira como unha sombra sobre o festival que este ano cumpre 23 edicións e 30 anos desde que se creou. Sen embargo, ante o recorte orzamentario “non hai nada especial para celebrar os 30 anos desde que se inaugurou a mostra”, laméntase Rubén. Esa baixada no presuposto -a Xunta pasou de conceder 33.000 euros a 18.000, Caixanova de 18.000 a 6000- viuse compensada pola participación de dúas adegas da zona, que financiarán a publicidade nos medios, e por primeira vez do INAEM, que achegará 12.000 euros. Con ese presuposto está programado o “premio do público e o premio de Honra Abrente, que cada ano se lle dedica a unha persoa que estivo ligada ao contorno da Asociación Cultural Abrente: Roberto vidal Bolaño, Rosa Álvarez… e que este ano, por motivos obvios, lle entregamos ao colectivo Burla Negra”.



No calendario, como vén sendo habitual en Ribadavia, os espectáculos que chegan desde fóra son estreas absolutas. A máis demandada este ano, por poñer un exemplo, é “Ana e Alejandro”, a parodia do enlace da filla de Aznar que escenificará a compañía madrileña “Animalarium" o mesmo día da inauguración da mostra.



Pero desde entón ata hoxe en día, moitas cousas cambiaron para o teatro galego. E xa non só con respecto á temática, ás propostas escénicas e á estética, senón tamén para os espectadores. A este respecto Rubén destaca o nivel dos espectadores da mostra “que co seu voto teñen premiado montaxes sorprendentes fronte a produccións espectaculares con estrelas de renome”.



Nun par de décadas o teatro galego pasou de representacións afeccionadas de tipo costumista a unha práctica teatral normalizada e habitual, con representacións, festivais e mostras que, aínda con atrancos, continúan a manterse dentro dun novo contexto político, social e cultural, e xa dun xeito profesional. E nese camiño a Asociación Cultural Abrente marcou o punto de inflexión nun contexto en que Franco agonizaba, e con el, todas as pantasmas ideolóxicas, políticas e estéticas que deron pé a unha nova era.



Os preliminares: ata 1973

O 8 de novembro de 1969, dez persoas (Jose Luís Chao Rey, Ernesto Chao, Carmen Escudero Gómez, Lucinda Rodríguez, Luisa del Carmen Escudero, Alejandro Álvarez, Francisco Javier Chao Gómez, Rita María Garcías, Margarita Dávila e Manuel Lourenzo) constituíron a Asociación Cultural Abrente. Un grupo que desde a súa creación deu mostras dun modelo de asociacionismo diferente ao que proliferaban en todos os puntos da xeografía galega. Os seus estatutos marcaron a importancia do teatro e do cinema como eixes da súa actividade. Un feito que logo puxeron de manifesto coa convocatoria do I Concurso de Textos Teatrais e na I Mostra de Teatro Galego que se celebraron continuadamente a partir de 1973.



Esta etapa está marcada polos debates e pola complicidade que Abrente mantivo coa Asociación Cultural O Galo, da Coruña, coa que compartía unha inquietude teatral.



De 1973 a 1980

En 1970 a Asociación pasa por un momento crítico e de desánimo en que, logo de remitir un cuestionario aos seus socios, comeza a ver no teatro un sinal de identidade. Promoveu unha xuntanza con outras agrupacións culturais semellantes que desembocaría en 1973 coa organización da I Mostra de Teatro Galego e o I Concurso de Textos Teatrais que duraría ata 1980 período no que se escenificaron máis de 120 obras teatrais e uns 80 textos a concurso. E todo isto fixo que a Mostra e o Concurso fosen unha caixa de resonancia de ideas, de persoas para o mundo teatral, para captación de público, faena de divulgación (cómpre destacar a importancia democrática do teatro, como medio de comunicación aberto e dinámico), de progresión estética. E sobre todo de revulsivo do galego porque na I Mostra un dos requisitos era que as montaxes estiveran na nosa lingua e que cada grupo só representase unha producción. Iso si, sen esquecer os debates posteriores ás representacións que fixeron do evento organizado por Abrente un espacio de reflexión sen precedentes e un punto de partida para o futuro; ou esa vocación de profesionalización pola que se lle pagaba aos grupos que se ían presentando.



E todo foi avanzado cara a adiante ata 1980. E os problema comezaron antes de que se celebrase a VIII Mostra. Os grupos presentes na mostra fixeron unha proposta coa que pretendía que se lle concedese todos os poderes á asemblea de grupos, entendendo que formarían parte desta todos os que realizasen algunha representación a partir da última Mostra. E iso significaba restarlle o protagonismo e a importancia que Abrente tivera ata o momento. Pero a mostra celebrouse, coa dificultade que as partes implicadas se puxeran de acordo á hora de confeccionar as mesas de debate. E o ambiente de tensión contaxiouse tamén nas reaccións do público e da crítica, moi desconformes co resultado.



¿Pero cales foron as causas? Non foi unha única causa, senón varias. O cambio político fixo que perdera importancia o labor de Abrente, que derivou en discrepaciancias internas, o desgaste interno de oito anos de traballo intenso... acabaron cos decisión de non volver convocar a mostra de Ribadavia tal e como se preparara en 1973.



“Houbo un par de etapas de silencio e logo tres persoas vencelladas a Abrente dixemos que era o momento de retomar ese espacio” afirma Rubén. Foron el (o único que formou parte de Abrente), Laura Varea e Rosa Saura quen aproveitaron o momento no que comezaba a funcionar a Dirección Xeral de Cultura, con Luís Álvarez Pousa á súa fronte e a Mostra de Teatro Galego pasou a chamarse Mostra Internacional de Teatro (MIT), coa que abrir unha nova fenda.