A Fundación Fraguas e o Museo do Pobo dan ao prelo a obra "Os animais de Fraguas"

Miguelanxo Prado e Kiko da Silva encargáronse do traballo desta edición baseada en textos inéditos do estudoso

O presidente da fundación Fraguas e do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron onte en San Domingos de Bonaval, o libro Os animais de Fraguas nun acto no que tamén participaron Miguelanxo Prado, Kiko da Silva e Fuco Sanjiao, coordinador editorial. O libro ilustrado Os animais de Fraguas recupera un texto inacabado e ata agora inédito de Antonio Fraguas sobre crenzas populares arredor de distintos animais, editado coa colaboración do filólogo Antón Santamaria e ilustrado por Miguelanxo Prado baixo a dirección artística de Kiko da Silva e a coordinación editorial de Fuco Sanjiao.

Na obra, as linguaxes visual e textual dialogan para compartir lendas, consellos, coplas populares e crenzas arredor de animais como as cobras, o lagarto, a sabandixa, o sapo, a toupeira, as arañas, o alacrán, a denociña, o lobo, o raposo, o can, a galiña, o galo, as pegas, o cuco, do paspalló, o pimpín, o chasco, as anduriñas, a lavandeira, a carriza, o crego marelo, o corvo, a rapiña, a curuxa ou os biosbardos; en suma, dos animais de don Antón Fraguas, exemplo de quen traballou por e sempre para Galicia, por amor á nosa Terra. A obra está coeditada pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Museo do Pobo Galego, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.