O Museo do Pobo pecha o ano dedicado a Antonio Fraguas

Un concerto precederá ao peche institucional da exposición sobre a figura das Letras Galegas 2019

| Santiago. Redacción | Seccións: Día das Letras Galegas
Compartir:

O concerto do dúo Oradaladou este sábado 28 de decembro ás 13h horas será a actividade que clausurará a exposición temporal 'Antonio Fraguas. Letras Galegas 2019', organizada e promovida polo Museo do Pobo Galego. A actuación musical forma parte do acto institucional que terá lugar no Museo co que se da por pechado ao ano de homenaxes a quen foi director e presidente desta institución, Antonio Fraguas, ao que este ano se lle dedicou o día das nosas letras. No acto institucional previo ao concerto estarán presentes Justo Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas e do Padroado do Museo do Pobo Galego; Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Mercedes Rosón, primeira tenente alcalde do Concello de Santiago de Compostela; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Jorge Cubelo, alcalde de Cerdedo-Cotobade.

A mostra 'Antonio Fraguas. Letras Galegas 2019' conta de dúas partes, unha de contido biográfico arredor da vida de don Antonio poñendo especial atención na súa traxectoria como galeguista e profesor, membro activo das institucións máis destacadas da cultura do país durante oito décadas fecundas. E outra, centrada na presentación das diferentes vertentes nas que se exerceu o seu traballo intelectual e divulgativo: a arqueoloxía, a xeografía, a etnografía, a historia e a arte. A data límite para ver esta exposición será ata o domingo 29 de decembro.

Que che parece esta nova?
97 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito