As institucións do país únense arredor da figura de Antonio Fraguas

Presentado o programa inicial de actividades, exposicións e publicacións de apoio ao Día das Letras Galegas

Presentado o programa inicial de actividades, exposicións e publicacións de apoio ao Día das Letras Galegas
Rolda de prensa de presentación da programación no Museo do Pobo Galego Foto:S. Montes
Don Antonio Fraguas era "un home das institucións e dos retos da vida pública", en palabras do Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, e as institucións acudían hoxe á chamada para homenaxealo presentando unha ampla programación para celebrar ao longo do ano o Día das Letras Galegas que se lle dedica ao intelectual e investigador. No auditorio do Museo do Pobo Galego, unha das entidades ás que estivo máis vencellado desde a súa fundación e que mesmo dirixiu Antonio Fraguas, acudiron representantes de outras institucións, ademais da Xunta, como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Concello de Santiago de Compostela, o Concello de Cerdedo-Cotobade, a CRTVG e o propio Museo e Fundación Antón Fraguas, representadas ambas polo seu presidente común Justo Beramendi. Todos eles presentaron as iniciativas, exposicións, publicacións e actividades que, un por un, ou en cooperación entre eles, conforman a primeira batería de accións prevista para dar a coñecer en poñer en valor a vida e a obra de Antonio Fraguas, así como para apoiar a dinamización lingüística e as letras galegas en xeral dentro deste ano 2019.

Román Rodríguez tomou a palabra en representación da súa Consellería e tamén da de Educación, así como da Secretaría Xeral de Emigración e da EGAP para anunciar as accións impulsadas desde a Xunta de Galicia tanto en Galicia como nos Centros de Estudos Galegos e nas Casa de Galicia no exterior. O conselleiro quixo destacar tamén a colaboración conseguida con empresas como Renfe, Vegalsa- Eroski, Deleite e Feiraco para algunhas das accións programadas. Rodríguez anunciou a exposición central conmemorativa itinerante Antonio Fraguas, Memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, que percorrerá 12 concellos das catro provincias para darlle a coñecer ao público xeral a obra e a figura de Fraguas. Esta mostra iniciarse en abril na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, e viaxará por outros concellos até decembro. Así mesmo recordou o traballo que se vai facer de divulgación na rede de centros educativos do país presentando as propostas para o ámbito educativo destacando as actividades especiais que se farán nos IES Rosalía de Castro e Antonio Fraguas Fraguas de Santiago polo seu especial vínculo co homenaxeado.


Páxina web con material de fondo sobre Fraguas
Rosarío Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), outra das institución nas que Fraguas canalizou a súa prolífica actividade, presentou as actividades que o Consello ten previstas para recuperar e divulgar a figura do estudoso, centradas en seguir co seu legado, na senda da preocupación e estudo pola cultura patrimonial. O 29 de abril, terá lugar a presentación da publicación especial do CCG que se edita anualmente para celebrar a efeméride e que nesta ocasión permitirá a edición de textos e colaboracións de Antonio Fraguas. Todos eses contidos, máis outros que se están a preparar, conformarán un sitio web específico. Nel se poderán ver imaxes de Fraguas, escoitar a súa voz e ler algunhas das publicacións que el promoveu. Como vén sendo habitual, terá lugar o concerto institucional que se celebra o 16 de maio e que este ano contará coa Orquestra Sondeseu que estreará unha peza sobre textos do homenaxeado para a ocasión e cun programa que servirá de homenaxe á cultura popular. Ademais das actividades e publicacións específicas o CCG pretende que no resto da súa programación anual haxa numerosas chiscadelas á cultura patrimonial á que Fraguas tanto contribuíu a recuperar. O CCG, en colaboración co Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega, cara final de ano (do 26 ao 28 de novembro) organizará un simposio que achegará novas lecturas sobre a figura de Antonio Fraguas.


Pleno extraordinario da RAG en Cerdedo-Cotobade
A Real Academia Galega, segundo comunicou o seu presidente Víctor Fernández Freixanes, participará dese simposio e celebrará en Cerdedo-Cotobade, de onde era natural Fraguas, a súa xuntanza plenaria o vindeiro 17 de maio co que a RAG conmemorará o Día das Letras Galegas. Justo Beramendi, presidente do Museo do Pobo Galego (MPG) e da Fundación Antón fraguas Fraguas avanzou a realización dunha exposición propia do MPG en homenaxe ao que foi o seu presidente, así como a elaboración dun vídeo sobre a súa figura e obra. Beramendi afirmou que a institución se estaba ver desbordada ante a "fervenza de peticións" que está a recibir solicitando informacións ou materiais relacionados con Fraguas e expresou o desexo de que tras este ano dedicado a Don Antonio "quedase o exemplo dos seus valores persoais" que facían del "un exemplo de bo galego". Algúns dos detalles destes valores chegarán aqo público da comunidade a través dos medios público grazas aos contidos que prepara a CRTVG, presentados por Fernando Ojea, director de contidos do ente. Un programa ZIzag especial gravado no MPG ou un especial do programa de reportaxes Vivir Aquí sobre a pegada de Fraguas serán algúns dos destaques da programación da TVG así como na Radio galega se espallarán por toda a grella cápsula de 1 minuto con lembranzas sobre Antonio Fraguas ou gravacións da súa voz. O concello de Santiago tamén prepará actividades para lembrar a un dos seus veciños máis queridos e o de Cerdedo-Cotobade tamén organizará numerosos actos para celebrasr ao seu ilustre paisano e poñelo en valor ante os actuais habitantes e a mocidade.