A Presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, presentou esta mañá o web conmemorativo do Día das Letras Galegas 2019. A publicación recupera os contidos relativos a Antonio Fraguas dos que dispón o Consello da Cultura Galega, institución da que o propio Antonio Fraguas foi membro. Deste xeito, fotografías do polígrafo na institución se combinan con extractos dos fondos sonoros que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia con entrevistas que permiten coñecer máis sobre a vida de Fraguas, a súa visión da política e da cultura galega. Ademáis, o CCG presentou tamén o Concerto das Letras 2019, que se celebrará no Auditorio de Galicia o 16 de maio ás 20.30 horas. A orquestra Folk SonDeSeu e o grupo O Fiadeiro, dirixidos por Rodrigo Romaní, interpretarán un repertorio baseado na recreación da música popular e no que salienta a Suite Cotobade, creada para a ocasión como homenaxe a Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas 2019.